As Pontes a 26 de Outubro do 2016

O proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC), tivo a semana pasada unha visita moi especial, alumnado dos Obradoiros Socio-ocupacionais que promove a Fundación Paideia-Galiza na súa sede de Padrón.

Deza sete estudantes das comarcas do Barbanza, Sar, Noia e Muros, que visitaban por primeira vez As Pontes, puideron sumerxirse no pasado, no presente e no futuro industrial da nosa vila.

A primeira parada do traxecto foi no Centro de Dinamización Empresarial Seara sito no Polígono de Penapurreira, onde coñeceron a Asociación de Empresariais Seara, e algunhas das empresas alí localizadas: Eumenet, Blindaxe e Intacta Gestión Ambiental.

Posteriormente, desprazáronse ao Polígono dos Airíos, para visitar as instalacións da metalúrxica Prometal, especializada en estruturas metálicas, calderería e servizos de soldadura, con clientes en sectores tan diversos como: o naval, enerxético, téxtil ou a construción. Prometal é un referente de novo emprendemento local, que ten sido recoñecida con diversos premios á iniciativa empresarial a nivel galego.

Despois das visitas ás empresas que forman parte do proxecto municipal “As Pontes, Experiencia Industrial”, o percorrido continuou polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como o Poboado das Veigas e o sempre sorprendente para os turistas industriais: o lago mineiro. Ante de marchar, o grupo desfrutou dun xantar nun restaurante local.

A Fundación Paideia-Galiza pretendía con esta visita mostrar exemplos de territorios, persoas e proxectos emprendedores, co fin de motivar e xerar ilusión e esperanza entre o alumnado dos talleres socio-ocupacionais que dirixe na área de influencia de Santiago de Compostela.

As responsables docentes de Paideia que acompañaron o grupo, motraron a súa gran satisfacción tanto pola hospitalidade recibida, como polo reforzo positivo que supón a xente nova desempregada que participa nas súas actividades, escoitar e ver proxectos de “emprendedores normais” con capacidade de esforzo para superar atrancos no seu día a día.