As Pontes, 14 de marzo de 2019. A concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, visitou, está mañá, acompañada pola Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, ás alumnas que participan no Programa Integrado de Emprego de Galicia, Pontes de Emprego II, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polo Concello de As Pontes.

En primeiro lugar, achegáronse ata a Avenida de Villalba para visitar ás alumnas que participan no curso de inmersión lingüística. Un curso que comezou o 19 de febreiro con 10 usuarias e que terá unha duración de 120 horas. Rematada esta visita achegáronse ata a Asociación de Veciños A Choupana para coñecer, máis de preto o traballo que están a realizar as alumnas que participan no curso con prácticas en empresas de restauración, orientando a que adquiran coñecementos en servizos básicos de cociña e repostería, sala e recepción e atención ó cliente. Un curso que botaba a andar o pasado 26 de febreiro e que está sendo impartido por un formador da Escola de Cociña ICook de Fene e terá unha duración de 125 horas.

Durante ambos encontros, Ana Pena fixo fincapé en que se trata do segundo Programa Integrado de Emprego que se pon en marcha no Concelllo de As Pontes, feito que “referenda a nosa aposta pola formación para impulsar a competitividade laboral da veciñanza, mellorar a súa cualificación e promover a súa empregabilidade”.

O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego II” é un programa no que participan 100 mulleres, con dificultades para acceder ao mercado laboral, pertencentes a colectivos vulnerables (vítimas de violencia, mulleres en risco de exclusión social, menores de 30 anos de baixa cualificación e mulleres con discapacidade) e, a través do que terán a oportunidade de mellorar a súa ocupabilidade e adquirir as competencias profesionais demandadas pola contorna, promovendo, deste xeito, a súa inserción laboral.

O Programa Integrado de Emprego de Galicia, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 35%, inclúe un amplo abano de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias.

As participantes adquirirán as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos de silvicultura e xardinaría (150 h) ou atención ó cliente. Asemade, as 100 alumnas recibirán formación transversal en prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías, ofimática, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais, procura activa de traballo a través de internet ou sobre a elaboración dun plan de negocio que se complementarán con prácticas non laborais.

Pontes de Emprego II conta tamén cunha serie de medidas específicas para evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a cualificación das beneficiarias. Nese sentido, Ana Pena subliña que “unha das prioridades de Pontes de Emprego II é coñecer e fixar un perfil profesional para cada unha das beneficiarias; desenvolver un itinerario de inserción e formativo personalizado, realista e axustado ás circunstancias de cada unha das alumnas”.

O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€ euros polo Concello de As Pontes.