RTVEume| O Instituto de Educación Secundaria Moncho Valcarce abriu onte as súas portas aos alumnos e alumnas que o vindeiro curso académico iniciarán neste centro os seus estudos de Secundaria. Son en total 53 estudantes procedentes dos colexios ponteses A Magdalena, e Santa María, e tamén da Igrexa de Somozas e Mosteiro de Caaveiro da Capela.

A recepción desenvolveuse no salón de actos do Instituto Moncho Valcarce por parte dos profesores, a xefa de estudos Nieves Sabín, a vicedirectora Digna Polo e maila orientadora Rosa Bedoya, foron as encargadas de darlle a benvida a este grupo de pequenos e pequenas. Tamén estiveron presentes un grupo de alumnos e alumnas que este ano cursaron 1º de ESO e que lles explicaron aos seus futuros compañeiros como está distribuído o centro, e como se organizan as clases. Asemade déronlles conta do proxecto Abalar.

Abriuse, posteriormente, un turno de intervencións co obxectivo de que os novos estudantes resolvesen as súas dúbidas e para finalizar fíxose unha representación teatral con exhibición de baile incluído.

Para o día 15 de Setembro está fixado o inicio do curso académico 2015-2016 para os estudantes de Educación Secundaria e Bacharelato.