As Pontes, 30 xuño| As Pontes acolle, a partir da semana que ven, o VII Congreso internacional sobre patrimonio industrial.

Será dende o mércores 5 ao sábado 8, e contará con expertos internacionais, e unha ampla representación das universidades españolas

Serán máis de medio cento de poñentes, que visitarán As Pontes no que se pretenda sexa unha cita que sirva para promover a imaxe de As Pontes e da nosa comunidade como unha potencia industrial e turística ó tempo.

O crecemento deste secotr ten un claro expoñente nunha vila como As Pontes cun rico patrimonio industrial, e mesmo activo aínda.

O Congreso pontés organizarase ó redor de catro grandes temas que centrarán as comunicacións científicas dos expertos, investigadores, e xestores, sobre o estado da cuestión do patrimonio industrial nun contexto de sostibilidade.

As xornadas de conferencias e debates celebraranse no Auditorio de Casa Dopeso e no colexio Santa Mª, sempre horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00h horas, cun descanso para o café polas mañás de 11:15 a 11:45h.

Ademais incluíronse no programa excursións con diversos itinerarios que incluirán visitas a empresas, museos e outros proxectos de activación do patrimonio industrial.

O Concello de As Pontes fai de anfitrión e promove esta cita co patrocínio da Deputación coruñesa e a Consellería de Cultura, e baixo a organización da sección española do Comité Internacional pola Conservación do Patrimonio Industrial, entidade colaboradora da UNESCO.

As Pontes foi considerado o emprazamento idóneo pola experiencia en estratexias de rexeneración e a súa traxectoria abordando os problemas de xestión ligados á rexeneración, reutilización e intervención nas paisaxes industriais.

A localidade será unha referencia nos eidos da arquitectura da paisaxe, o turismo industrial e as estratexias de valorización e activación do patrimonio.