As Pontes, 28 de decembro| O alumnado do Grao de Deseño Industrial do Campus Universitario de Ferrol, pecharon por este ano o programa de visitas ao proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC).

Trala recepción na casa do Concello por parte de Ana Pena, concelleira de Turismo e Emprego, o grupo de estudantes desprazáronse ata o asentamento empresarial de Cruz das Cabezas, onde os esperaba Alejandro Castro, xerente da empresa ADERA, e Lolo Castro, un dos derradeiros torneiros artesáns de Galicia. A visita guiada mesturou coñecementos en xestión e deseño industrial cos saberes ancestrais na artesanía da madeira.

Os universitarios estaban moi interesadas nesta fábrica, xa que conta cunha tradición familiar de máis de 150 anos no torneado da madeira, e actualmente é un referente en Galicia, no deseño e fabricación de produtos de madeira maciza e derivados, como elementos de contrucción ou mobiliario urbano. Os futuros enxeñeiros, tamén descubriron que ADERA forma parte do Grupo Severiano, un conxunto de empresas pontesas con máis de 80 centros de traballo en todo España e cunha plantilla de máis de 1.000 traballadores.

O percorrido empresarial, continuou polo Polígono Industrial de Penapurreira, onde o grupo puido coñecer unha das industrias gráficas máis importantes a nivel nacional e internacional, EINSA PRINT. Esta empresa é celebre pola impresión das guías telefónicas de España, pero tal e como explicou un dos seus responsables David Souto, iso ten mudado nos últimos anos, e a día de hoxe case un 70% da producción está internacionalizada, sendo os seus clientes preferentes o sector editorial e a gran distribución, como: os catálogos de Avon, os directorios da British Telecom ou a revista de Iberia.

Tralas actividades da mañá, os estudantes desfrutaron dun descanso para comer nun restaurante local antes de continuar as visitas ao patrimonio industrial do municipio, pasando polos poboados de As Veigas, A Fraga e O Barreiro, así como as enormes excavadoras e apiladoras, e o lago artificial que hoxe ocupa o espazo da antiga mina.

A visita permitiu aos mozos e mozas coñecer a nosa historia industrial, así como a realidade de importantes empresas industriais localizadas en As Pontes.

 

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

EINSA www.einsa.com

ADERA www.adera.es

Escola Universitaria de Deseño Industrial. Universidade da Coruña www.eudi.udc.es