As Pontes, 29 de setembro| A vindeira semana teremos na nosa vila unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia para, un mes máis, apelar á solidaridade dos veciños e veciñas de As Pontes á hora de lograr as doazóns de sangue necesarias para abastecer as reservas dos hospitais galegos.

Así tanto o martes coma o mércores, o tradicional autocar do CTG estará estacionado na praza da capela do Carme en horario de 10:00 a 14:30h da tarde e de 16:00 a 21:00h noite, o mércores, e de 16:00 da tarde a 21:00h da noite o martes. Ata alí poderán desprazarse veciños maiores de 18 anos, que non teñan ningún tipo de doenza e que pesen máis de 50 quilos. Asemade, é necesario non acudir sen comer, polo que deberán pasar dúas horas dende que almorcemos ou xantemos denantes de achegarnos ata a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia.

Non poderán doar aquelas persoas que sufrisen unha intervención cirúrxica maior nos últimos catro meses, as que tivesen febre nos últimos 15 días ou aquelas persoas que se atopen en tratamento médico con antibióticos ou que se atopen afectados de hepatite B, C ou sida ou calquera doenza transmisible polo sangre.

Como é habitual, denantes de proceder á doazón, o doante será sometido a un exame médico, unha proba de hemoglobina e tamén unha toma de tensión. No tocante ao proceso de doazón, este dura uns 10 minutos e realízase con material estéril dun único uso. Posteriormente, o doador reporá líquidos cunha bebida e con algún tipo de doce ou petisco.

Nesta ocasión, e ante os rexistros do Centro de Transfusión de Galicia, malia que todos os grupos sanguíneos son necesarios, as reservas en risco son as de A positivo e Cero negativo que se atopan en nivel moi baixo, polo que dende a Consellería de Sanidade faise especial fincapé na colaboura deste tipo de doadores.