As Pontes, 14 de xullo| Un ano máis os ponteses e pontesas volcámonos coa celebración das nosas festas patronais e un dos xeitos en que os nosos veciños e veciñas adoitan colaborar e por medio da realización dunha alfombra floral coa que recibir á Virxe do Carme na procesión de subida á Capela que leva o seu nome e que terá lugar este mesmo domingo.

Anque son precisas moitas mans dispostas para traballar en poucas horas na realización desa alfombra na madrugada do sábado, o traballo comeza moito denantes e, de feito, nestes días unha decea de veciños están a realizar as labores de picado da flor e do verde polas tardes no local social de a Choupana que servirá para, durante a madrugada do sábado ao domingo, dar vida á alfombra en honra á nosa patroa.

Para poder contar co material perfectamente disposto e organizado para montar a contra reloxo o deseño que está a facer a artista local Sonia Sueiro, toda colaboura é pouca.

De aí que, dende a Comisión de Festas se incida na importancia de acadar unha maior participación nestes labores. Así, aínda mañá dende as 16.00 horas, será posible sumarse a estas labores con tan só achegarse ata o local social de A Choupana, na rúa Pablo Picasso, número 11, no barrio da Pardo Bazán.

Así mesmo, segue aberta a posibilidade de facer calquera doazón en flores. Neste caso pódese concretar en calquera das florerías da vila e, por suposto, benvida será toda a colaboura posible nas labores de confección desta alfombra e que arrincarán ás 5.00 horas da madrugada do domingo, 17 de xullo.