Últimos días para inscribirse no curso de verán que a USC organiza en As Pontes

76

As Pontes, 12 de xuño de 2018. O venres, 15 de xuño, remata o prazo para inscribirse no curso de verán “Organización e xestión de entidades deportivas” organizado pola Fundación USC Deportiva, en colaboración co Concello de As Pontes.

Este curso, que ten como obxectivo brindarlles ós profesionais do sector os coñecementos e recursos precisos para adaptarse ás necesidades e desafíos da dirección, xestión e administración das entidades deportivas na contorna actual, abordará, desde o 28 de xuño ó 1 de xullo, temas como o liderato e o talento na xestión do deporte, a elaboración de plans de seguridade para eventos deportivos no eido local, o futuro das federacións deportivas, o uso das novas tecnoloxías no eido da xestión deportiva, o patrocinio ou o turismo deportivo como forma de promoción das entidades municipais.

Entre os relatores que participarán neste curso de verán da USC destaca a presenza de Emilio García Silvero, ex-director do Departamento xurídico da Real Federación Española de Fútbol e actualmente é o director do Departamento de Integridade da UEFA; José Villanueva Penas, sponsorship manager en Hijos de Rivera SAU; José González-Dans Vázquez, director xeral corporativo R.C. Deportivo de La Coruña; Cristina Pedrosa Leis, vogal do Tribunal Administrativo do Deporte e ex-membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva; e Leonor Gallardo, profesora titular da UCLM (acreditada a catedrática). Investigadora principal do Grupo IGOID e CEO de IGOID SPORTEC

Estas xornadas, que teñen una duración de 19 horas e o recoñecemento de 1 crédito ECTS, están dirixidas ós alumnos e alumnas dos grado de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Administración e Dirección de Empresas, Dereito e Economía así como a alumnos e alumnas dos ciclos formativos superiores de Actividades Deportivas, profesionais do sector deportivo, xerentes, directores e directivos de entidades deportivas e técnicos deportivos.

O seu prezo e de 70 euros (40 euros con taxa reducida) e os interesados poden inscribirse na páxina web www.usc.es/cultura/veran ou solicitar máis información na Fundación USC Deportiva ou a USC a través dos seguintes números de teléfono 881 81 10 18 – 881 81 11 03 – 982 82 15 13 -881 97 53 99 ou ben nos enderezos electrónicos [email protected] e [email protected].