As Pontes, 7 de marzo de 2019. Esta semana remata o prazo para inscribirse no curso de monitor de tempo libre, organizado pola Concellería de Deportes e Xuventude, en colaboración da Escola Néboa.

Trátase dun curso gratuíto, que conta co certificado da Xunta de Galicia, ten como obxectivo esencial, dar un paso máis na formación da mocidade pontesa nun sector laboral que, cada día, ofrece máis posibilidades de emprego.

A acción formativa, que comezará o próximo 9 de marzo e estenderase ata o mes de xuño, ofrecerá un total de 350 horas de formación presencial, divididas en dous módulos; un de carácter teórico, de 200 horas de duración, que permitirá ao alumnado adquirir coñecementos básicos en psicoloxía, socioloxía, saúde, plástica, animación, xogos deportivos e dramatización, entre outras materias. O segundo módulo constará de 150 horas prácticas e se levará a cabo en diferentes campamentos e colonias.

As clases impartiranse os sábados e domingos, de 09:30 a 14:30 horas e as tardes dos sábados de 16:30 a 20:30 horas, desprazándose, unha fin de semana, os alumnos e alumnas ata a área recreativa de Vilarbó para recibir formación sobre técnicas de excursionismo ao aire libre.

Para acceder ao curso é preciso ser maior de idade e estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, Graduado Escolar ou equivalente ou de Técnico Auxiliar en Formación Profesional.

As persoas interesadas en inscribirse e obter máis información, pódeno facer, ata o final da semana nos teléfonos 981 440 334/ 669 111 183/646 156 421.