As Pontes, 21 de xullo| Esta mañá abríase a pista perimetral do lago, a que será coñecida coma a Senda da Memoria, coa que se pretende recordar o pasado recente que agochan as augas do que hoxe é o lago, coas parroquias e lugares que tiveron que desaparecer décadas atrás, en prol do futuro do municipio.

Esta senda é unha homenaxe aos lugares que se levou consigo a mina e ás xentes que alí vivían, tal e como apuntou na súa intervención o alcalde pontés. Un emocionado Valentín González Formoso subliñaba que, con esta iniciativa, cúmprese cunha débeda histórica con todos aqueles veciños que tiveron que abandoar os seus fogares en prol da explotación da mina.

Xunto co primeiro edil, tamén membros do equipo de goberno e dos grupos da oposición, ademáis do ex director da mina Francisco Arechaga e o actual director da térmica pontesa de Endesa, Marcelo Rinaldi.

Precisamente, González Formoso agradeceu o importante papel de Endesa para que, dende hoxe, a Senda da Memoria pertenza aos ponteses e pontesas, unha roita que, segundo explicou o primeiro edil se completará ata a illa, para dar lugar a un escenario incomparable e único para o desfrute de todos aqueles xiareiros da bicicleta ou o sendeirismo.

Pasadas as 11.00 horas, abríse este percorrido de nove quilómetros, que bordea o lago con miradores espectaculares, un deles destinado a observatorio de aves, e do que hoxe xa puideron desfrutar moitos veciños e veciñas, a pé, en bicicleta e ata no tren turístico que, ao longo de todo o día estivo a facer percorridos ateigado de veciños e veciñas desexosos de desfrutar desta nova alternativa natural, e na compaña dos integrantes dos clubes o Caxado, o Olympo ou os clube ciclistas Terras do Eume e Vilalba – As Pontes.

E para pechar a xornada nada mellor que un agasallo, neste caso cunha bolsa conmemorativa, froita e auga para repoñer forzas tras afrontar os case dez quilómetros de senda natural de zahorra, ateigada de paneis explicativos cos antigos lugares que agora están baixo as augas do lago e da que ponteses e pontesas xa podemos desfrutar calquera tarde de verán.