Seguridade viaria cos Bolechas

73

As Pontes, 21 de xuño de 2018. Os nenos do CEIP A Fraga recibiron hoxe unha divertida clase de educación viaria da man dos Bolechas. Una monitora de educación viaria, seguindo as indicacións da guía da DGT “Los Bolechas van en bicicleta” e coa axuda de dous membros da Policía Local, achegou ós máis pequenos da vila unha serie de consellos e recomendacións para circular de forma correcta nas súas bicicletas.

O obxectivo desta charla foi amosarlle ós menores a importancia de respectar as normas de circulación para, deste xeito, crear condutas axeitadas, impulsar a que aprendan bos hábitos á hora de subirse as súas bicicletas e que coñezan as consecuencias de non tomar as decisións correctas en cuestión de seguridade viaria de cara a facer de As Pontes un pobo máis seguro e libre de atropelos.

Durante esta xornada os alumnos do centro educativo aprenderon conceptos básicos sobre as sinais de tráfico, os pasos peonís, o emprego do carril bici, a obriga de circular pola dereita, o emprego de roupa reflectinte ou o uso obrigatorio do casco entre os menores de idade, como elemento esencial para garantir a súa seguridade.

Ó finalizar a charla fíxose entrega dun casco para bicicleta a cada un dos nenos que participaron nesta charla de seguridade viaria para que o empreguen cando circulen polas vías do pobo e evitar lesións no caso de sufrir unha caída.