As Pontes, 7 de setembro| A concellería de Hostalería, o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) e a Asociación Cohempo están xa inmersos na preparación dunha nova edición do concurso gastronómico Saborea As Pontes, unha cita que, o vindeiro mes de outubro celebrará a súa edición número 9 e que volverá seguro ser todo un éxito de participación hostaleira e de público.

De feito, esta mesma mañá a edil, Ana Pena, xunto co presidente de Cohempo, José Rodríguez e a técnica municipal Erika Sanz, presidiron o primeiro dos encontros informativos co tecido hostaleiro local. O obxectivo desta reunión era dar a coñecer as bases que rexerán o certame gastronómico deste 2017, e recoller xa as primeiras inscricións dos participantes.

Durante este encontro déronse a coñecer as liñas xerais que rexerán este IX Saborea As Pontes, e que se desenvolverá entre os días 13 e 22 de outubro. Como novidades, contarase cun xurado profesional integrado por membros do corpo docente da Escola de Hostalería de Pontedeume, como son Rubén Castro, Samuel Pérez e Antonio Vargas Antelo. Se encargarán de valorar as diferentes propostas gastronómicas dos nosos bares e restaurantes e o resultado se dará a coñecer o 26 de outubro, coa tradicional entrega de premios nas dependencias do Mercado de Abastos, dende as 18.00 horas.

Ademáis do xurado profesional, este ano tamén está previsto que o certame Saborea As Pontes forme parte da aplicación para móviles “Quedamos de tapas” na que se recollen todos os concursos destas características a nivel autonómico.

O funcionamento do concurso será semellante ao de 2016. Os petiscos terán un prezo de euro e medio e serviranse entre as 19.30 e 23.00h de luns a venres, e de 12.00 a 14.30h e de 19.30 a 23.00 os dous sábados e domingos que dure o concurso.

Os premios serán os mesmos que anos anteriores, cun galardón para a tapa máis votada polo público e outra que escollerá o xurado profesional.

O sistema de votación popular non cambiará, cada cliente deberá selar un boleto con 8 tapas diferentes para que o seu voto sexa válido. Con ese voto entrará no sorteo de nove premios de 200 euros para gastar nos locais hostaleiros e comerciais da nosa vila. Os hostaleiros, ademáis da correspondente praca que acredita o seu título de tapa máis popular ou mellor tapa pontesa, recibirán unha tablet.

No tocante ás bases xa están a desposición dos participantes nas dependencias do IPPEC, ata onde será necesario achegarse dende o luns ata o venres da vindeira semana para formalizar a súa inscrición, en horario de mañá.

Na web municipal www.aspontes.org tamén se poderán consultar as bases do concurso e, nunhas semanas, estará a desposición dos veciños o tradicional catálogo que recolle a ubicación dos locais participantes, a fotografía e explicación da aposta culinaria de cada local hostaleiro.