As Pontes, 13 de outubro| Esta noite ponse en marcha unha nova edición do Saborea As Pontes, o concurso gastronómico por excelencia do noso outono que, durante nove días, fará que veciños e visitantes desfruten da creatividade entre fogóns dos 26 bares, mesóns ou restaurantes que se animaron a tomar parte neste noveno certame de tapas.

Durante esta noite e ata o vindeiro día 22, as cociñas dos locais de restauración que toman parte neste concurso estarán a traballar a reo para idear saborosos petiscos onde temos carne, peixe, mariscos ou cogomelos, entre outras materias primas, que integrarán un conxunto de sabores a cada cal máis exquisito e que a clientes e visitantes lles complicará o poder decidirse por un ou outro petisco.

E é que como é habitual, ademáis dun premio para a mellor tapa do ano ou a máis popular, tamén os que se animen a realizar esta roita gastronómica poden optar a premios do máis atractivos: neste caso 9 vales de 200 euros, a gastar no comercio e hostalería local.

A mecánica será a habitual, sendo necesario cubrir un boleto con 8 selos doutros tantos establecementos participantes, os datos do cliente e o nome do local coa súa tapa favorita. Posteriormente, haberá que depositar este boleto nas urnas que se instalarán en cada local participante.

Xa o día 25 ás 12 da mañá realizarase o pertinente sorteo ante a secretaria do propio concello. Asemade, este mesmo día se procederá ao reconto de votos do que sairá a tapa máis valorada polo público e que levará o título de Tapa Pontesa máis valorada polo público 2017. A esta sumarase a proposta que se designe como a mellor Tapa Pontesa de 2017 e que será escollida por un xurado profesional.

Nembragantes, non será ata o 26 de outubro ás 18.00 horas cando se fagan públicos os resultados destes galardóns, nun acto que terá lugar nas dependencias do Mercado de Abastos.

Con respecto aos horarios, os petiscos repartiranse de luns a venres entre as 19.30 e as 23.00 horas e xa as fins de semana tamén ao mediodía, entre as 12.00 e as 15.00 horas, a un prezo de euro e medio por petisco.