As Pontes, 18 de xaneiro de 2018. O Concello de As Pontes deu por finalizadas, hoxe, as obras de mellora da accesibilidade da Avenida de Lugo, destinadas a eliminar as barreiras arquitectónicas, promover un mellor acceso ás vivendas e potenciar a mobilidade na zona.

A intervención, cun orzamento de 91.904,13 euros, permitiu eliminar o desnivel existente na beirarrúa coa substitución das escaleiras por ramplas e zonas de estancia para facilitar o percorrido pola rúa.

Os traballos levados a cabo na Avenida de Lugo tamén tiveron como obxectivo mellorar a accesibilidade ás vivendas e impulsar a mobilidade na zona polo que se procedeu á instalación de varandas nos cambios de desnivel que servirán, ao mesmo tempo, como medidas de protección.

Asemade, acometeuse a substitución da rede de saneamento e a renovación de todos os pavimentos do viario. Creáronse pasos peonís e procedeuse á instalación de novas luminarias e mobiliario urbano co obxectivo de humanizar a zona, mellorar a súa estética e crear, así, un maior estado de benestar á veciñanza.

Desde goberno municipal recordan que este proxecto responde ás peticións que os veciños da contorna lle trasladaron ó equipo de redacción, en diversas reunións: “Trátase dunha actuación que se adapta ás necesidades dos veciños e coa que buscábamos resolver os problemas dunha das principais vías de acceso á vila, tratando de beneficiar ó conxunto da veciñanza, especialmente ós residentes na contorna, apostando por unha mellor calidade de vida”.

Nese sentido e co obxectivo de rematar coa remodelación completa da rúa, tanto estrutural como superficial, e impulsar e garantir a seguridade e a mobilidade, desde o Concello de As Pontes avanzan que “se procederá ó acondicionamento da outra marxe da Avenida de Lugo, entre a Rúa Caraveis e o viario da Cuíña, un proxecto incluído no POS 2019 da Deputación da Coruña e que suporá unha inversión de 137.383 euros”.

Esta actuación, encamiñada tamén a mellorar a accesiblidade do viario, suporá a renovación do pavimento, a reposición dos servizos de saneamento e alumeado urbano e contempla a renovación das árbores da zona, que se colocarán fóra do itinerario peonil e con pavimento drenante nos alcorques.