As Pontes, 12 de setembro| Media ducia de rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos visitaron hoxe esta casa ao abeiro do programa Deseñando o teu futuro, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Xunta de Galicia, co fin de aproximar á mocidade galega ao ámbito sociolaboral e facilitar que os rapaces escollan unha saída laboral.

Estes mozos puideron coñecer máis polo miúdo como é un día na redacción deste medio, entre ordenadores, emails e chamadas de teléfono e incluso o que hai detrás da cámara que, a diario, achega a información local aos fogares ponteses.

Tamén houbo tempo para facer os seus primeiros piniños ante o micrófono de Radio Eume, onde cada rapaz nos presentou a súa canción favorita deste verán e algúns detalles curiosos do seu intérprete.

Ademáis de estar de visita pola radio e televisión locais, este grupo de mozos e mozas puideron pasarse polas diferentes oficinas da Casa do Concello e por servizos como o da policía municipal ao que, nos vindeiros días tamén se sumarán outro tipo de actividades, neste caso con saídas por diferentes empresas locais que abrirán as súas portas a estes mozos.