As Pontes, 2 de outubro| O departamento municipal de Cultura abrirá, este venres, o seu ciclo teatral de outono. Unha cita que nos permitirá desfrutar das mellores compañías galegas neste campo e por riba, a carón dos nosos fogares, no auditorio municipal Alovi.

Os encargados de estrear este programa serán os integrantes da compañía Produccións Teatras Excéntricas, uns vellos coñecidos e asiduos á cita con este ciclo pontés que traerán, baixo o brazo, a súa última proposta: A cabeza do Dragón, un texto ideado por Ramón María del Valle Inclán e que formou parte dun conxunto de farsas que levaron por título Retábulo de marionetas para educación de príncipes.

Quico Cadaval vólvese poñer á fronte da dirección de grandes facianas do teatro galego coma Iván Marcos, Yelena Molina, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas, Josito Porto e Marcos Orsi que darán vida a unha fábula protagonizada polo príncipe Verdemar, que decide fuxir do seu reino para enfrontarse ao temido Dragón que está a amedrentar aos veciños do reino de Micomicón.

Para coñecer cómo rematará esta entretida comedia nada mellor que facerse cunha localidade para a única sesión desta obra que será o venres ás 21. 00 horas, como é habitual, no auditorio municipal alovi.

As entradas terán un prezo de 5 euros, cos habituais descontos para menores de 12 anos, maiores de 65 e posuidores do carné xove, e poranse á venda o venres na billeteira do Alovi entre as 12.00h e as 13.30h da tarde ou xa dende as 19.30h ata o inicio do espectáculo.