As pontes, 13 de novembro| O Concello de As Pontes ven de adxudicar o proxecto de subministración, execución da obra civil, instalación e posta en marcha das instalacións de neutralización das augas acedas procedentes do polígono industrial dos Airíos.

A empresa UTE Os Airíos foi a adxudicataria destes traballos que suporán un desembolso de 319.287 euros, 80.000 euros menos que o seu orzamento de licitación, e que se desenvolverán nun prazo máximo de tres meses.

Con esta medida solventarase o actual problema da acidificación das augas pluviais do polígono pola lixiviación das piritas. De feito, a empresa licitadora encargarase de desmotar os equipos que, actualmente hai na zona, limpará e modificará as balsas de decantación e instalará nova maquinaria que permitirá neutralizar as augas acedas.

Asemade, construirase un pozo para a recollida dos lodos e dunha arqueta que servirá como punto de control das augas denantes do seu vertido ao medio natural. O proxecto tamén inclúe a construcción dun camiño de acceso ás novas instalacións e a posta en marcha dun proceso de tratamento das augas que permitirá eliminar a acidez das augas denantes de que cheguen novamente ao entorno natural.