As Pontes, 23 de xaneiro| A nosa vila volverá ser protagonista nunha nova edición dos programas piloto destinados a promover iniciativas emprendedoras nos centros de educación secundaria da provincia.

O presidente da Deputación, e alcalde pontés, Valentín González Formoso, asinou onte o convenio co presidente de SEARA, José Castro Romero, para financiar esta iniciativa na que participan rapaces de entre 14 e 16 anos dos Institutos locais Moncho Valcarce e Castro da Uz.

A Deputación achegará 22.331,52 euros, que supoñen preto do 73% do orzamento total. Asís fondos provinciais custearán as labores de cordenación e asesoramento, así coma diversos materiais, gastos de desprazamento e outras actividades necesarias para a realización de ámbolos dous proxectos.

O presidente de SEARA José Castro, salientaba que o obxectivo desta iniciativa, denominada PROEM (proxecto emprendedor), era potenciar a cultura emprendedora entre as novas xeracións e fomentar o desenvolvemento de proxectos empresariais que sexan beneficiosos para a sociedade.

“confiamos en que os rapaces e rapazas volvan demostrar a capacidade emprendedora que hai nesta localidade, e seguro que o farán porque están a amosar moito interese neste traballo. Todo isto é unha formación que o día de mañá lles vai dar unah avantaxe competitiva á hora de accederen ó mercado laboral”.

Valentín González Formoso defendeu a importancia de vencellar aos rapaces desde mozos coa ilusión de emprender un proxecto e salientou especialmente o carácter emprendedor de As Pontes.

“De As Pontes sairon ó longo da historia grandes emprendedores, e moitos dos máis sonados empresarios galegos tiveron aquí a súa orixe. Actualmente seguimos a ser unha vila con moita capacidade de inovar e emprender como se amosa en cada convocatoria neste eido, e coa riqueza do sector do emprendemento no noso tecido produtivo. O traballo do ano pasado co Monte caxado e ver como están traballando este ano estes dous grupos non pode máis que facerme sentir orgulloso da miña vila”.

Así mesmo, González Formoso anunciou que outros polígonos industriais da provincia que se interesaron polo proxecto desenvolverán tamén iniciativas semellantes este ano co apoio da Deputación. En concreto, participarán a Asociación de Empresarios de Sabón, traballando con alumnos do CPI O Cruce de Cerceda; a Asociación de Empresarios da Grela, asesorando a alumnos do IES A Sardiñeira, e a Entidade de Conservación de Bergondo, con rapaces do IES de Bergondo.

Tras da sinatura do convenio, Valentín González Formoso visitou tamén os dous centros educativos que participan en PROEM, onde os propios rapaces foron os encargados de explicar os proxectos que xa están levando a cabo.

No IES Moncho Valcarce, os alumnos de 3º da ESO están desenvolvendo un programa para fomentar as relacións entre as persoas da terceira idade e a mocidade do concello, a través da recuperación de actividades tradicionais, a organización de bailes e outras cuestións de carácter interxeracional que sirvan para conectar á xuventude coa experiencia dos máis veteranos.

Pola súa banda, os alumnos de 4º da ESO do IES Castro da Uz formaron a cooperativa Xelo que centrará a súa actividade en divulgar información dos numerosos actos culturais, deportivos e de diversa índole que teñen lugar en As Pontes. Así mesmo, os rapaces tratarán de incentivar as relacións entre os veciños e veciñas a través da organización de actividades e eventos. Para desenvolver este proxecto contarán coa coalboura da RTV local.

Os novos e novas protagonistas toman o testemuños da iniciativa que se desenvolveu nos dous últimos anos no CPI Monte Caxado, onde un grupo de 24 alumnos crearon unha APP turística.

Ó igual que acontecera daquela, cos gañadores do concurso convocado pola Deputación, os mozos e mozas que participan nesta nova entrega están xa a vivir en primeira persoa o proceso de creación e xestión dunha empresa, coñecendo aspectos coma os pasos seguir para constituír legalmente unha empresa, o tecido empresarial e social das Pontes ou fundamentos de márketing, contabilidade e produción.

Traballan co apoio directo da Asociación de Usuarios de Solo Industrial (SEARA), para conformaren unha cooperativa educativa concebida para promover iniciativas emprendedoras dende a escola.

Os rapaces e rapazas de entre 14 e 16 anos, tiveron onte, xunto cos profesores e profesoras que os tutelan e orientan, a súa experiencia dende a creación e organización das distintas áreas da empresa ata o desenvolvemento que os levará ata o resultado final de maio.