As Pontes, 14 de decembro de 2018. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no Programa de Termalismo Social do IMSERSO para o ano 2019.

O programa vai dirixido a pensionistas do sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación e incapacidade permanente así como a pensionistas por outros conceptos ou perceptores de prestacións ou subsidios de desemprego, que teñan cumpridos os 60 anos e a pensionistas polo concepto de viudedade que teñan mais de 55 anos.

Tamén poden participar os cónxuxes ou parellas de feito sen necesidade de que estes reúnan os requisitos de idade ou pensión. En ambos casos, outros dos requisitos para participar no programa, son valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e non padecer alteracións de comportamento que impidan a convivencia nun centro residencial, nin enfermidade infecto contaxiosa.

O programa inclúe o aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións dobres de uso compartido; tratamentos termais básicos, que inclúen a prescrición do tratamento polo médico do balneario, a realización de actividades de animación e unha póliza colectiva de seguro turístico.

As solicitudes para as quendas dos meses de febreiro ata agosto, ambos inclusive poden presentarse ata o 11 de xaneiro de 2019. Despois desta data, pódese solicitar, ata o 16 de maio de 2019, a inclusión nunha lista de espera.

Para as quendas dos meses de setembro a decembro, ambos inclusive, o prazo remata o 17 de maio de 2019. Despois desta data, pódese solicitar, ata o 31 de outubro de 2019, a inclusión nunha lista de espera.

A adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación obtida polos expedientes, tendo en conta os balnearios e quendas solicitadas. Pódese solicitar máis información e formalizar a inscrición no departamento de Servizos Sociais (2º andar da Casa Dr. Dopeso) en horario de 8:30 a 14:00 h.