As Pontes, 27 de novembro| A Deputación da Coruña traerá, o vindeiro mes de decembro, o seu programa Compartimos Plan á nosa vila. Trátase dun proxecto co que se busca plasmar a situación real de igualdade entre homes e mulleres na nosa provincia e, deste xeito, detectar as carencias en igualdade de xénero para, dende ahí, propoñer solucións que sirvan para todas as administracións e para a toda a sociedade.

Así, o 14 de decembro na Casa Dopeso, veciños e veciñas que así o desexen poderán participar na presentación deste proxecto co que se pretende implicar tanto ao cidadán de a pé coma os actores políticos e sociais para poder dar lugar a un documento que recolla a situación real de cada municipio e que permita poñer en marcha medidas axeitadas para lograr a igualdade efectiva.

Trátase dun estudo de diagnose e plan de acción das políticas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia da Coruña.

Ao igual que noutros concellos, a xornada informativa que se desenvolverá na nosa vila arrincará cunha presentación deste proxecto para continuar xa cunha parte máis dinámica na que se solicitará a participación da veciñanza. Xa a principios de ano arrincará o traballo de campo para idear as conclusións finais deste proxecto.

Dende a dirección do proxecto solicitan a participación de toda a veciñanza nun acto que será de entrada totalmente libre e que arrincará ás 10.30 da mañá no salón de actos da Casa Dopeso.