As Pontes, 27 de setembro| A Concellería de Emprego, os institutos Castro da Uz e Moncho Valcarce e as Asociacións COHEMPO e Seara presentaron hoxe, en rolda de prensa, o programa Encontros Ensino Empresa E3, que este venres celebrará a súa primeira edición.

A iniciativa busca achegar ás empresas da contorna a gran formación profesional que se oferta nos dous centros educativos, ademáis da súas instalacións e equipamentos. Deste xeito, segundo explicaron dende a dirección dos dous centros, o que se pretende é acadar liñas de colaboración entre o tecido empresarial da comarca e os institutos do municipio; dar a coñecer a oferta formativa local e mellorar os vencellos dos centros co seu entorno socioeconómico.

Tal e como explicaron os directores Javier Cabarcos e José Antonio López, o encontro desenvolverase durante toda a mañá do venres, dende as 9.30, horas, entre o Centro de Dinamización Empresarial de Seara e tamén os dous centros educativos involucrados.

Será un intenso programa no que haberá dende unha presentación da oferta educativa de cada centro ata visitas guiadas por mestres e alumnos ás instalacións dos mesmos, para rematar cun tempo para as conclusións e reflexións de todos os participantes, coa fin de acadar unha liña de traballo común que permita adaptar a oferta formativa local ás necesidades reais do mundo empresarial.

Pola súa parte, a concelleira de Emprego, Ana Pena, amosouse moi satisfeita con inciativas coma a presentada hoxe e ofreceu o apoio incondicional do goberno municipal á hora de respaldar programas coma o Encontros Ensino Empresa E3; que definiu coma unha iniciativa de vital importancia para estreteitar relacións entre o tecido empresarial da zona e os centros educativos da nosa vila, que permitirá intercambiar opinións e ideas entre as dúas partes e mellorar a relacion educación – empresa.

Malia que xa, ao longo do ano, dende as direccións de Moncho Valcarce e Castro da Uz organizan diferentes visitas guiadas de empresas da zona, esta é a primeira vez que se pon en marcha unha xornada destas características e coa que tamén se conta co respaldo das asociacións locais, neste caso a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios (COHEMPO) e propietarios de Chan Industrial (SEARA), cuios representantes nesta presentación amosaron tamén o seu respaldo a este tipo de programas.

Polo momento, non hai cifras oficiais de empresas participantes xa que, ata mañá aínda se manterá aberto o prazo para que as empresas da zona se animen a participar desta interesante xornada, un chamamento que tamén facían dende o departamento que dirixe Ana Pena.