As Pontes, 13 de xullo| Temos a alegría de convidarvos – o próximo martes día 19 de Xullo, ás 20.30 horas, na Casa Dopeso – á presentación das videocreacións e a páxina web resultantes do proxecto Urbanismo Emocional, un proxecto para vencellar aos cidadáns das Pontes e á súa contorna urbana a través das EMOCIÓNS.

Realizado por VideodinamizArte para o Concello das Pontes, durante os meses de Abril, Maio e Xuño, este obradoiro chega á súa fase final.

Nesta proxección, os participantes, autores das videocreacións expostas, poderán compartir cos seus veciños e veciñas as súas olladas sobre As Pontes, o seus puntos de vista e as súas vivencias.

Toda esta información recóllese nunha páxina web, que presentaremos tamén neste acto, de xeito que aglutina todas estas miradas, estas rutas que en forma de mapa debuxan un As Pontes próximo, emocional e orixinal da man das videocreacions dos seus veciños e veciñas.

Así toda a comunidade pontesa e aqueles que queiran achegarse a este “mapa emocional” da nosa vila, verán plasmado dun xeito accesible e atractivo as percepcións dos habitantes das Pontes.

Quedades todos e todas convidados a compartir con nós esta nova forma de mirar As Pontes!