As Pontes, 13 de xuño| Mañá, 14 de xuño, preséntase unha nova edición da Samurai Extreme Race, a proba de obstáculos que o ano pasado se estreaba cun rotundo éxito en As Pontes.

Ás 20:00h, no salón de plenos municipal, presentarase esta proba, que volve ter o lago como entorno, o que se converte nun dos seus maiores reclamos.

Os organizadores deste evento estarán mañá arroupados polo Concello, que se implicou nesta cita unha vez máis e que espera superar o grande éxito que xa acadou na edición pasada.

O Concello estará representado pola Tenente de alcalde Montserrat García e o Concelleiro de deportes, Chicho Tembrás.

O luns 26 péchase o prazo para anotarse nunha cita que se estima pode contar cuns 1.000 participantes.

O vindeiro día 1 de xullo centos de esforzados aventureiros enfrontarán unha proba de algo máis de 7 kms na que o importante é acabar, sen que o tempo en que se faga deba ser un handicap para ninguén que teña un mínimo de forma física.

Durante unha xornada, nas inmediacións do lago, o público poderá seguir as evolucións dos e das que se enfronten a un percorrido con 30 obstáculos, á condición física se lle engadirán a estratexia e a habilidade nunha proba que garante a diversión.

Anque se trata dunha proba de obstáculos, só unha mínima porcentaxe participan con obxectivos de marcas deportivas, e a grande maioría tomarano como un reto a completar, polo que priman a camaradeiría e o compañeirismo, con posibilidade de axuda de compañeiros e rivais en cada obstáculo que nos atopemos en cada unha das probas que salpican o traxecto. E mesmo non superándoas os xuices establecerán outra posibilidade de seguir adiante cunha alternativa.

Do carácter lúdico e festivo que se lle quere outorgar tamén a esta proba deportiva, conta cun programa que inclúe animación todo o día e unha festa de peche cun concerto a carón da praia do lago.

Dende as doce da mañá comezarán as tandas de saídas, ata as cinco en que arranca a última. E paralelamente, a animación estará todo o día con múltiples actividades.

Debemos tamén lembrar que haberá unha proba paralela, que será a Samurai Junior para os máis pequenos, que terá forma de yincana, e para a que se mantén o mesmo prazo de inscrición. Na Junior Race poderán participar aqueles e aquelas que estean entre os 5 e os 15 anos, nunha proba solidaria na que o importe das inscricións irán destinados a unha asociación benéfica.

Ata a media noite do vindeiro día 26 aínda se pode facer a inscrición en championchipnorte.com.

Tamén se precisa a colaboura de voluntarios, pois calcúlase en máis de medio cento o mínimo para poder desenvolver correctamente a proba. Xa que logo, dende a organización insistíase en contar con xente que se anote para esta fin, o que pode facerse na páxina web da Samurai.