As Pontes, 30 de marzo| Esta mañá no Salón de Plenos do Concello das Pontes tivo lugar a presentación do I CLÍNIC LAGO DAS PONTES a cargo do Director do Clínic, Chiqui Barros; o Concelleiro-Delegado da Área de Deportes e Xuventude, Chicho Tembrás e o presidente do Club Baloncesto As Pontes (organizador), Juan E. Pico Tembrás. Estaba prevista a asistencia dun representante da Federación Galega de Baloncesto pero non puido acudir por problemas de axenda.

En primeiro lugar interveuChicho Tembrás, que puxo de manifesto a gran implicación do Concello en colaborar con actividades deportivas, máis importante neste caso por ser unha actividade de formación de formadores. Ademais resaltou o esforzo para que esta formación sexa alcanzable a todos, con tarifas alcanzables e sensibles aos que están en situacións desafortunadas como os parados.

Juan E. Pico comentou como esta actividade era unha prioridade para o CB As Pontes co obxectivo de achegar unha formación de alto nivel aos adestradores do club, ademais da todos os adestradores, non só da contorna, senón a nivel de toda Galicia. Tentouse realizalo o ano pasado non sendo posible, pero o club non cesou no empeño, e grazas á colaboración de Chiqui Barros este ano si se conseguiu.

Chiqui Barros describiu as charlas das que vai constar o Clínic, orientado ao deporte de base pero con fundamentos que son aplicables tanto a nenos como xogadores profesionais.

En primeiro lugar intervirá Davor Matkovic, adestrador do C.B. Alcobendas, cuxo tema será “A importancia da Técnica Individual” no que se lle considera un especialista.

Continuará a charla de Chiqui Barros “Simplificando o adestramento: exercicios como medio vs exercicios como fin”, sobre os exercicios fundamentais para o adestramento que, coas súas variantes, cobren a maioría das necesidades do xogador.

Despois da pausa para a comida intervirá Anxo Colino, gran preparador físico cuxa charla será “A preparación física a través do baloncesto”.

Finalmente haberá un coloquio onde se poderán expor temas varios.

O Clínic está dirixido a adestradores, pero a inscrición é aberta a todos os interesados no baloncesto que desexen ampliar os seus coñecementos.

Lembramos que o Clínic terá lugar o sábado 15 de abril no Pavillón Municipal das Pontes. As inscricións formalizaranse en [email protected]. Información en www.cbaspontes.es.

PresentacionClinic1