As Pontes, 10 de Xullo do 2017

Veciños e veciñas de todas as idades botábanse onte á rúa para percorrer os 80 quilómetros que separan As Pontes de A Coruña coa fin de amosar o seu rexeitamento á decisión unilateral da Xunta de Galicia de botar o peche do C.I.P Monte Caxado.

Onte á mañá poñíase en marcha o primeiro grupo de camiñantes para facer fronte á etapa entre As Pontes e Pontedeume e que se dividiu en dúas partes para aqueles menos acostumados a facer camiño. As 8.00 foi a hora escollida para que algo máis dunha trintena de valentes emprendesen camiño cunha expedición que estivo liderada pola presidenta da coordinadora de ampas Abrente, Fina Bellas, e que ao mediodía chegaba ao consistorio da Capela.

Alí, tras ser recibidos polo alcalde Manuel Meizoso, que se sumou a esta andaina, arrincaba a segunda parte da xornada á que tamén se incorporou o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso. Tocaba facer fronte a outros case 20 quiómetros ata o consistorio eumés onde se despregaron as pancartas que acompañaron durante todo o camiño a esta comitiva

Xa esta mañá o guión volvía ser o mesmo. Un autocar abarratodo xunto con varios coches particulares se dirixiron ata Pontedeume dende onde partía esta marcha en contra do peche de Monte Caxado.

Os edís Montserrat García, Ana Pena, José Alén e Jesús Tembrás, xunto cos concelleiros de Xuntos por As Pontes, María Chao e Alberto Pellón, e a presidenta de Abrente, Fina Fellas, comandaron esta segunda xornada que volvía poñerse en marcha ben cedo.

Coa escolta de protección civil tocaba facer fronte aos 15 quilómetros entre Pontedeume e Bergondo e nos que tamén se contou co respaldo dos alcaldes destes dous concellos. Foi un marcha tranquila que fixo un alto no camiño en Miño pero que se desenvolveu sen problemas e con algúns tramos nos que ata se chegou a cortar totalmente os dous sentidos da N-651.

Ante a casa consistorial de Bergondo houbo tempo para facer un alto no camiño e cantar ben alto e forte as consignas que se estiveron a entoar ao longo de toda a marcha.

E hoxe á tarde repetíase novamente o plan trazado, neste caso continuando percorrido pola N-651 para percorrer os vinte quilómetro entre a Casa do Concello e o Coliseum da Coruña.

150 camiñantes tomaron parte nesta segunda etapa da xornada na que tamén tivemos relevo de concelleiros xa que o alcalde Valentín González Formoso e os edís Antonio Alonso e Isabel Fornos, se encargaron de afrontar a representación institucional nesta segunda etapa do día.

Mañá desenvolverase a derradeira etapa, dende o COliseum coruñés e que rematará ante a Delegación de Educación. O concello fletará autocares para participar nesta marcha de case dous quilómetros e medio e que rematará ante o edificio administrativo de Monelos, unha manifestación para a que se solicita a maior participación posible e que, deste xeito, As Pontes se faga visible ante a xunta de galicia coa fin de que dé marcha atrás á súa decisión de botar o peche de Monte Caxado.

Veciños e veciñas poderán sumarse a esta concentración que terá lugar ás 11.30 da mañá en Monelos, aínda que os que prefiran asistir en autocar deberán estar ás 9 diante do colexio de Monte Caxado, ata onde se desprazarán os autobuses para recoller a todos os ponteses e pontesas que desexen aunar as súas forzas en respaldo da comunidade educativa non só de Monte Caxado, senón tamén de todos os colexios da nosa vila.

Andaina contra o peche do Monte Caxado