As Pontes, 8 de xuño| As Pontes, vai render homenaxe este sábado a Ignacio Echevería, o mozo asasinado en Londres esta pasada fin de semana, pagando o seu heroismo coa súa propia vida.

Dende o Concello convocouse unha concentración para amosar o rexeite a toda forma de terrorismo, e en sinal de dor pola morte do que foi o noso veciño.

Este iniciativa chega en medio dos tres días de loito convocados na vila, na que as bandeiras permanecen a media asta nos edificios públicos, logo de que unánimemente todos os partidos presentes na corporación municipal apoiasen esta iniciativa do grupo de Goberno.

O mesmo apoio unánime dábase á outra proposta, á de nomear o parque do Poboado de Anguieiro, como Parque Ignacio Echeverría. Precisamente o parque que se atopa detrás do coñecido popularmente como Poboado do Muiño, onde se criou Ignacio.

Ignacio Echeverría naceu en As Pontes, cando o seu pai estaba a traballar na central térmica de Endesa, e aquí pasou a súa infancia.

Ata os dez anos desenvolveu a súa vida e os seus estudos en As Pontes, primeiro na Escola infantil La Paz e logo no Colexio A Madalena.

Anque as súas orixes familiares eran asturianas foi todo un trotamundos, vivindo en Madrid, Francia, e agora Inglaterra, onde perdeu a vida ao enfrontarse aos terroristas que atacaron á poboación indiscriminadamente esta fin de semana.

Foi apuñalado ao acudir, armado só co seu monopatín, auxiliar a unha muller que estaba a ser atacada polos yihadistas.

Dende o Concello pontés estívose moi pendente da inexplicable espera por coñecer o desenlace deste episodio e agora, unha vez confirmado o luctuoso final, convocouse este acto no que se convida a participar a toda a cidadanía.

O sábado ás doce do mediodía, e na Praza do Carme, está convocada unha concentración na que se lerá un comunicado e se gardará un minuto de silencio.

Dende a alcaldía contactouse coa Embaixada británica e a Delegación do Goberno, e a Xunta para convidalos a estaren presentes.

O pobo está consternado e quere demostrar a súa dor pola perda deste veciño, e respaldar á súa familia. Dende o Concello recollemos este sentir para recoñecer así a figura dun veciño que deu a súa vida para defender a dos demais, un heroe que antepuxo o ben común á súa propia vida”

Entre os asistentes a bo seguro que haberá amigos e amigas dunha familia numerosa de cinco irmáns, que se asentara perfectamente nesta vila e garda lazos con moita xente, que poderá testemuñar a fachenda dun pobo que viu criarse a un heroe, e lamenta hoxe a súa perda.