Pedro Osorio e Paula Mayobre adxudícanse a II edición dos Cross Vila das Pontes

80

As Pontes, 7 de decembro| Superando record de participación, así arrincaba a segunda edición do Cross Vila das Pontes que, un ano máis, se encargou de organizar o clube de atletismo Olympo para impulsar a práctica do atletismo e nunha paraxe natural tan espectacular como é a fraga de Dona Rita.

As baixas temperaturas non desanimaron nin ao público nin á ducias de deportistas que onte desfrutaron desta entretida proba e que semella que, edición tras edición, gaña en popularidade. E é que un percorrido por unha paraxe natural como é a Fraga e os arredores do Eume xunto co bo trato da organización do clube pontés son argumentos suficientes para non querer perderse esta cita deportiva.

De feito, onte ata a nosa vila se desprazaron atletas das catro provincias galegas e ata de máis aló como foi o caso da corredora Sara Bogo do politécnico de Soria e que, en breve competirá no Campionato de España sub 16, ou o ferrolán Pedro Osorio, campión de españa junior en 800metros en pista cuberta; grandes nomes que se uniron a atletas vidos de Narón, Ferrol, Lugo, Viveiro, Sada, Fene, Lourenzá, Coruña e por suposto, de As Pontes.

Houbo competición para todo tipo de idades. Así, os pitufos foron os primeiros en tomar a saída para facer fronte a un circuíto de 50 metros aos que seguiron os participantes na modalidade de prebenxamín, con 100 metros de carreira. Dúas probas nas que houbo medalla para todos os participantes polo seu gran esforzo.

A categoría benxamín xa supuxo un reto superior con 400 metros de percorrido e na que en rapaces os máis rápidos foron Lucas Blanco, Xandre Domínguez e Miguel Real e xa entre as nenas, Aitana López e Saleta Barro foron as gañadoras.

Na modalidade alevín, sub 12, cunha proba de 1.000 metros, primeiros foron Aroa González e Destaw Pellón, segundos Henar Médez e Diego González e o terceiro posto ocupárono Antonio Graña e Alba Pena.

Con respecto aos cadetes sub 14, que deberon afrontar un percorrido de 2 kms, Carmen García e Iván Rego foron os máis rápidos, seguidos de Ian Méndez e Sheila Barro. Completaron o podium Lara Ríos e Jorge Sánchez.

Na proba de sub 16, Sara Bogo compartiu primeiro posto con Hugo Prida. Segundos foron Andrea López e Hugo Blanco e pecharon o podium Antón García e Ana Vallines.

As categorías infantís pecháronse coa proba sub 18 e que se adxudicaron Aldo Rey e Alba Méndez, nas súas respectivas categorías. O segundo posto foi para Diego Martínez e Valentina Araoz e terceiros atravesaban a liña de meta Cristina Souto e Samuel Dopico.

A proba de maior participación foi a absoluta cun percorrido de cinco quilómetros e medio e na que tomaron parte un cento de corredores. As expectativas cumpríronse e Pedro Osorio do Atletismo Ría Ferrol foi o máis veloz cun tempo de 18 minutos e 47segundos, segundo a case dez segundos atravesaba a liña de meta Maikel Rodríguez, do Budiñoraid e Antonio Teijido foi terceiro cun tempo de 19 minutos e dous segundos.

Na categoría feminina, unha vella coñecida das citas deportivas nas Pontes, Paula Mayobre, do Clínica Dental Seoane, non tiña rival e, malia algún problema físico durante a carreira, lograba ser a primeira muller en atravesar a liña de meta cun tempo de 22 minutos e 4 segundos. Segunda foi Inés Bereijo do Ría de Ferrol, cun tempo de 24 min 38 segundos e pechou o podium feminino Karola Bohme con 24 min 58 segundos.

Todos eles recibiron unha medalla en recordo desta proba e da que facían entrega a edil Montserrat García; a presidenta do clube Olympo, Tania Bellas e o responsable de Grupo Tú, José Rodríguez.

Asemade, non podían faltar outro dos clásicos deste cross: as manteigadas e é que tanto Paula Mayobre como Pedro Osorio, levaron o seu peso neste saboroso postre pontés. Para a primeira 57 manteigadas e para o segundo 65 pezas deste popular produto local por xentileza de panadeiría San Xosé, que tamén quixo colaborar con esta entretida cita deportiva.