As Pontes, 30 de outubro| O pasado venres vía a luz o proxecto audiovisual O Túnel, un guión elaborado por sete alumnos e alumnas do instituto Moncho Valcarce e que, o pasado mes de xaneiro, se fixo co primeiro premio do terceiro Certame de Guións contra a Violencia de Xénero organizado pola Deputación da Coruña.

Alba Antúnez, Cristina Fernández, Carmela Franco, Jéssica Moledo, Lucía Pernas, Noemí Purriños e Román Varela elaboraron esta historia na que a principal protagonista é María, unha rapaza anulada polos micromachismos e por unha relación machista sen saída con Juan Pablo que a leva a tan só un destino: a morte.

A Casa Dopeso acolleu esta presentación na que, ademáis dos propios creadores da historia, actores e familiares, se contou coa presenza da deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco; e por suposto, polo alcalde e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que deu conta da súa fachenda polo gran traballo realizado polos rapaces e rapazas ponteses.

Trala presentación do proxecto, os presentes puideron compartir cos seus autores diferentes reflexións e xa, para rematar cun moi bo sabor de boca, pechar a noite cuns petiscos.