As Pontes, 2 de outubro| Como non podía ser doutro xeito, a primeira edición do Slalom Vila das Pontes foi todo un éxito de público e é que poucos se quixeron perder a agardada apertura oficial dun dos atractivos da nosa vila: o circuíto de karts.

Veciños e visitantes asolagaron os noiros e arredores destas instalacións, dende primeiras horas da mañá, para desfrutar da pericia ao volante dos mellores pilotos de slalom de toda Galicia que se sumaron a esta proba.

A organización estivo á altura dun evento tan atractivo coma o que o sábado tivo lugar nas Pontes e é que o Automóvil Club As Pontes (ACAP), foi o perfecto anfitrión e organizador dunha proba que regresa á nosa vila e para quedar. As Pontes sempre foi terra de xiareiros do mundo do motor e proba disto nada mellor que os 40 vehículos que tomaron parte nas diferentes probas que se desenvolveron no circuíto pontés.

O podium non puido ser mellor con representación pontesa nos lugares máis altos e compartindo equipo: o As Pontes Motorsport. Así, o somocino Fran Pico foi primeiro, seguido do pontés Pablo Castro, a menos de dous segundos, o que apreta aínda máis o campionato, namentras que Joel Souto foi terceiro . 

Na primeira manga puntuable, Pico non lograba o seu mellor tempo tras dunha penalización de dez segundos que precisamente o situaba décimo ao remate da primeira volta, namentras que Castro rubricaba a mellor pasada con 02:02, 66 e o tamén pontés Adrián Bouza, remataba 16º tras derribar varios conos. Co inicio da segunda manga, Fran Pico asinaba o tempo máis rápido nos 1.380 metros do trazado pontés, parando o crono en 02:03,69 centésimas e que lle serviría para facerse coa victoria final xa que Castro non puido mellorar a súa marca anterior.

Pero non só tivemos grandes vehículos demostrando a súa pericia no circuíto pontés e é que, tralas mangas de adestramento oficial, a pista foi tomada polos karts que, xa o vindeiro día 14 serán os grandes protagonistas e é que o circuíto pontés será sé da última proba do Campionato Galego de Karting.