As Pontes, 17 de novembro|  Un total de 54 familias recibirán mañá cursos presenciais de formación impartidos por especialistas na materia ao servizo de Sogama, que explicarán todos os pasos do proceso a seguir: desde a propia localización dos recipientes ata a materia orgánica que debe e non debe depositarse nos mesmos, así como o control de parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade.

Mentres que, no caso da compostaxe doméstica, é necesario que as vivendas nas que se implante sexan unifamiliares e conten con horta ou xardín no que aplicar o abono resultante, na vermicompostaxe non é condición indispensable, podendo levarse a cabo na terraza ou balcón dun piso.

Ambos sistemas traen consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais que o concello pretende aproveitar para avanzar cara a unha verdadeira sociedade da reciclaxe, conforme aos preceptos europeos.

A economía circular eríxese así no telón de fondo dun proxecto que, por riba de todo, pretende converter os residuos en recursos.