Os traballos de mellora da accesibilidade na Avenida de Castelao comezan o luns

164

As Pontes, 9 de marzo 2019. O luns, 11 de marzo, comezan as obras de mellora da accesibilidade e pavimentos na Avenida de Castelao Fase II, no tramo que vai desde o cruzamento coa Rúa Coruña ata a intersección coa Rúa Vilalba.

As obras comezarán na marxe par da estrada e durante todo o tempo de execución das mesmas non será posible aparcar na zona; manterase o sentido de subida do tráfico mentres que o sentido de baixada desviarase por Alexandre Bóveda, con saída a esta mesa rúa e á Avenida da Coruña, viario que cambiará de dirección.

Esta actuación, cun orzamento de licitación de 161.138,68 euros financiada, integramente, pola Deputación da Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos) permitirá eliminar o desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas, mellorar a iluminación e separar a rede de drenaxe da rede de saneamento.

O proxecto tamén inclúe a renovación do pavimento do viario, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a colocación de captafaros leds nos pasos peonís, traballos que no seu conxunto lle darán continuidade ao proxecto de rehabilitación e humanización do centro urbano.

O goberno local mellora así unha das principais arterias de comunicación do concello e impulsa o acceso a dous espazos esenciais na vida social, educativa e cultural de As Pontes, como son a biblioteca municipal e o colexio de educación primaria Santa María, apostando pola súa modernización e por un modelo de mobilidade no que se da prioridade os peóns, garantindo a súa seguridade, seguindo a mesma liña estrutural e estética deseñada para todo o centro urbano do municipio.