As Pontes, 10 de outubro de 2019.  Esta mañá, ocho rexedores de municipios afectados pola descarbonización, reuníronse no Pazo de Mariñán, co obxectivo establecer liñas de traballo conxunta en defensa dunha transición enerxética xusta.

Neste encontro, no que estiveron presentes o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; Santiago Dorado, alcalde de La Robla; Miguel Fermín Alconchel,  alcalde de Los Barrios; José Luis Amérigo, alcalde de Carboneras;  Antonio Cuellas, alcalde de Cubillos del Sil;  Carmen Arbesú, alcaldesa de Langreo; Bárbara Rebassa, alcaldesa de Alcudia; José García Liñares, alcalde de Cerceda, os rexedores amosaron a súa preocupación compartida por avanzar nun proceso de transición xusta, incidindo na importancia de que se materialice con feitos.

No transcurso desta reunión, os rexedores acordaron crear unha mesa de traballo común co obxectivo de paliar os posibles efectos que os peches dos complexos eléctricos poidan ter, tanto no eido laboral como económico e social, nos diferentes concellos e comarcas afectadas. 

Asemade, amosaron a súa intención de crear unha asociación, que os represente a todos os municipios e abrir a participación nesta entidade a outras zonas de España afectadas polo cese da actividade de centrais térmicas, en similares condicións.

Os rexedores volverán a reunirse en Carboneras para seguir traballando neste fronte común a prol dunha transición enerxética xusta e a defensa do emprego nos seus municipios e comarcas.