As Pontes, 23 de outubro| Tras máis dunha semana da suculenta oferta gastronómica á que xa os teñen afeitos, os nosos hostaleiros botaban onte o peche ao Saborea As Pontes 2017.

Foron dez días nos que se intensificou o traballo nas cociñas dos 25 bares, cafeterías e restaurantes da nosa vila que, nesta edición, precedente da primeira década xa da iniciativa, se animaron a participar neste certame e que, unha vez máis, volvía sacar á rúa a veciños e visitantes para degustar as inxeniosas receitas ofertadas para a ocasión.

A proposta deste ano por parte dos participantes foi do máis diversa, apta para todo tipo de gustos, e é que, entre as diferentes opcións gastronómicas que puidemos degustar estes días tivemos 25 petiscos con diferentes ingredientes e preparacións, aptos para todos os gustos.

O Concello de As Pontes, coa participación directa do IPPEC, e a colaboura da Asociación COHEMPO artellaban unha cita que volvía facer de outubro o seu particular agosto para os establecementos locais.

Agora, logo do reconto que xa principia mañá, este xoves, ás 6 da tarde, na praza de abastos celebrarase a tradicional entrega de premios aos gañadores tanto do voto popular coma do xurado da Comisión de valoración, ademáis dos galardóns para os 9 afortunados que, nestes días, selaron correctamente os seus boletos para facerse cun dos premios de 200 euros a gastar nos bares e comercios da nosa vila.

De feito, pasado mañá, ao mediodía procederase ao sorteo destes 9 premios, perante a secretaria do concello e os membros do xurado e organización, así como se validará oficialmente o reconto de papeletas oficial do que sairá o premio á tapa máis popular, segundo o público.

As nosas cámaras serán testemuña deste sorteo polo que xa o mesmo mércores coñeceremos o nome e apelidos dos afortunados ou afortunadas que, tamén o xoves á tarde, se darán cita na praza de abastos para recoller o seu merecido premio por teren completado as papeletas de participación cos 8 selos pertinentes.