As Pontes, 21 de maio| As incansables bucinas que podiamos escoitar polas rúas do pobo, dende ben cedo, xa nos avisaban de que non íamos vivir un sábado coma calquera outro. Que estabamos en xornada de festa e que, unha vez máis, As Pontes rendía homenaxe a aqueles que se gañan a vida nas estradas, pasando horas e horas lonxe da familia e facendo que as mercadorías cheguen ao seu destino na hora prevista. Tocaba recoñecer, un ano máis, a labor do colectivo dos transportistas e que, neste 2019, eran os grandes protagonistas da XIX edición da festa do camioneiro.

Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón e o Concello de As Pontes volvían unirse para crear unha xornada de festa onde o mundo do camión foi o eixo central de exposicións, marchas, citas musicais e ata da boa gastronomía.

De feito, dende ben cedo e como xa é habitual, os camioneiros e os seus inseparables medios de traballo se reuniron no barrio da Casilla para idear unha nova roita polas rúas máis céntricas do municipio e que se deixou sobre todo escoitar grazas ao son continuo dos seus claxons que, deixaba ben claro que o sábado as estradas do pobo eran destes xigantes da estrada.

A Casilla, a Rúa Celso Emilio Ferreiro ou as Avenidas da Habana ou Vilalba foron o escenario dun percorrido no que tomaron parte case 200 vehículos, entre os que puidemos atopar compañías coma Armacón, Canosa, Servizo Móbil, Gabeiras, Transportes Eume ou Hermanos Prieto e camioneiros vidos non só de As Pontes ou Ferrol, senón tamén de localidades como Ortigueira, Vilalba, Lugo ou Fene, entre outras.

Houbo quen ata se animou a decorar os seus vehículos con bandeirolas, globos e guirnaldas, quen acudía en masa e coa súa característica cor amarela coma referenza, tal foi o caso de Construccións Canosa, e ata vehículos do máis curiosos coma karts, minis, camións antigos e o coche do piloto de rallyes Álvaro Muñiz, o que elevaron a cifra de participantes na marcha ata superar os 200. Todo un espectáculo ante o que moitos quedaban abraiados e poucos eran os que podían evitar o tomar algunha instantánea ata co seu teléfono móbil.

Pero durante a mañá tamén foi posible disfrutar doutro tipo actividades, na Avenida de Ferrol e na da Coruña, se instalaron senllas exposicións de vehículos tanto novos coma clásicos, onde a maxestuosidade dun Limcoml ou dun Renault Alpine se mesturaba cos novos modelos da marca Seat ou Ford.

Asemade, tamén houbo quen visitou a pequena exposición de karts ubicada na rúa Alexandre Bóveda ou quen se uniu á Misa que tivo lugar na  Praza de América, en honra a todos aqueles que xa non están pero que pasaron grande parte da súa vida detrás do volante e polas estradas de todo o país.

Non podía faltar o xantar de confraternización no que se deron cita case 400 comensais e no que se contou con representación do executivo local, o alcalde, Valentín González Formoso á cabeza e a concelleira de promoción Industrial, Montserrat García, ao seu carón e é que, o seu departamento foi un dos principais impulsores, un ano máis, desta homenaxe ao colectivo do transporte por estrada.