• Preto dunha vintena de alcaldes e concelleiros das tres comarcas, con Valentín González Formoso á cabeza, asinaron hoxe un manifesto en contra do peche de centros educativos e visitaron aos pais, nais, docentes e alumnos pechados no CPI Monte Caxado

As Pontes, 07 de Xullo de 2017.-

Unha vintena de alcaldes e concelleiros das corporacións municipais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal sumáron hoxe ao Concello de As Pontes e aos estudantes, docentes e familias do CPI Monte Caxado, na súa loita en contra do peche deste centro, e que o pasado 22 de xuño, anunciaba sorpresivamente a Consellería de Educación, coincidindo co remate do curso escolar e sen negociación previa coa dirección do centro ou as familias afectadas.

O primeiro edil pontés, Valentín González Formoso, encabezou un encontro no que tamén tomaron parte alcaldes e concelleiros de Cerdido, A Capela, Cariño, Cedeira, Xermade, Neda, Muras, Ferrol, Fene, Valdoviño, San Sadurniño, Narón, Moeche, Ortigueira, Pontedeume e Ares que serviu para dar a coñecer aos compañeiros doutras corporacións a situación de As Pontes e recabar o seu respaldo, ante as futuras medidas de presión que se programarán para que a Xunta de Galicia retroceda na súa intención de pechar este colexio pontés.

Todos os presentes amosaron o seu apoio ao Concello das Pontes ante unha medida que González Formoso volvía calificar de inxustiza e atropelo e da que, a xuízo do primeiro edil, “nun futuro, poden ser tamén vítimas os concellos dos arredores “.

O alcalde pontés agradeceu o respaldo masivo dos concellos das tres comarcas e tamén doutros municipios limítrofes como Muras ou Xermade e, unha vez máis, apelou á consellería de Educación que bote marcha atrás ao decretazo educativo que ademáis de a As Pontes, afecta a outros tres concellos galegos. E é que tal e como apuntou González Formoso, a sociedade pontesa continuará a loitar polo mantemento do Monte Caxado ao entender que “non se pode xogar co futuro do que un máis quere como son os nosos fillos e fillas”

Asemade, o Alcalde das Pontes deu lectura a un manifesto que asinaron todos os concellos presentes e no as corporacións municipais de Ferrol, Eume e Ortegal defenden o ensino público e calidade e a liberdade de elección de centro educativo por parte das familias atendendo aos seus dereitos, un texto no que tamén rexeitan o peche, unificación ou extinción dun centro de ensino galego sen negociación previa cos afectados.

De feito, os concellos presentes tamén se comprometeron a presentar ante ás súas respectivas corporacións municipais, xa sexa mediante moción ou declaración institucional, este manifesto para lograr o respaldo unánime de todos os gobernos das tres comarcas.

En representación dos concelleiros e alcaldes que asistiron a este acto, tomou a palabra o alcalde de Ferrol. Jorge Suárez ofreceu todo o apoio do seu goberno e dos municipios das tres comarcas ao concello de As Pontes e pediulle á Xunta de Galicia que reflexione ao entender que a educación non é un negocio co que se pode xogar se non da beneficios. Suárez tamén asegurou que os ponteses non estarán sós nas súas reivindicacións xa que tamén contan co respaldo dos 200.000 veciños e veciñas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Trala rúbrica deste manifesto, a comitiva se desprazou da Casa do Concello ao centro educativo de Monte Caxado onde concelleiros e alcaldes compartiron tempo cos pais, nais, docentes e alumnos que, nestas últimas horas, iniciaron un peche indefinido no centro.

Alí tamén se anunciaron as próximas medidas reivindicativas que se van levar a cabo, entre elas unha marcha popular por etapas que arrincará o domingo ás 09.00 horas dende o propio centro educativo, e que terá como destino A Coruña, onde o martes ás 11.30 se celebrará unha concentración ante o edificio administrativo de Monelos.