As Pontes, 16 de marzo de 2017.- A investigadora do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet), María de la Fuente , presentou hoxe na Casa Dopeso das Pontes a campaña de micromecenado para recaudar fondos que permitan seguir avanzando na investigación da biopsia líquida.

A través desta campaña, a dra. de la Fuente pedía hoxe a colaboración de todos os ponteses para financiar colaborativa e desinteresadamente este novo proxecto que situaría a Galicia na vangarda da investigación oncolóxica.

María de la Fuente reiterou a necesidade e a importancia da concienciación cidadá con respecto á colaboración no campo da investigación e subliñou a importancia do estudo da biopsia líquida, un dos campos máis prometedores no mundo da oncoloxía dos últimos tempos nos que Oncomet leva a traballar máis de cinco anos. Os fondos que se consigan nesta campaña permitirían a contratación do persoal necesario así como a compra do equipamento preciso para continuar con esta investigación.

Os interesados en participar nesta campaña apoiando a investigación contra o cancro poden informarse dos distintos xeitos de colaboración a través da web www.oncomet.es ou chamando ao 981 955 344. De conseguir o éxito agardado, 500.000 euros, a campaña contribuiría a colocar a Galicia nunha situación de liderazgo no marco da medicina oncolóxica de precisión.

 

A biopsia líquida

Mediante un sinxelo análise de sangue, esta innovadora técnica logra extraer a información de todo o material tumoral ofrecendo resultados case a tempo real. Entre as súas principais vantaxes atópase o seu carácter non invasivo, que evita ao paciente a ciruxía ou a intervención para a análise, así como a rapidez nos resultados, dispoñibles nun periodo de dous ou tres días.

Non obstante, é a posibilidade de ofrecer un tratamento máis personalizado o que supón un salto cualitativo para pacientes e oncólogos. A biopsia líquida ofrece unha información de gran precisión que permite coñecer o estado real do tumor e determinar así o tratamento máis axeitado para cada paciente. Deste xeito, evítanse os efectos secundarios de fortes tratamentos que finalmente non van facer o efecto desexado no pacente.

oncomet