RTVEume| A directiva da Asociación Cultural Lembranza da Vila está do máis atarefada nestes días e  é que, ademáis de organizar o seu festival de fin de curso de bailes de salón e latinos para esta xornada de sábado; xa teñen entre mans outras actividades para as vindeiras semanas.

De feito, continúan cos preparativos da segunda edición da Cita Coa Historia que se desenvolverá os días 3,4 e 5 de xullo, e ao abeiro desta celebración en honra a séculos pasados tamén van realizar, para o vindeiro día 13, uns obradoiros dirixidos a elaborar complementos para as nosas vestimentas que, para esta segunda edición, deberán estar inspiradas na Idade de Ferro.
O propio local da Rúa Real será o escenario no que terán lugar ata tres obradoiros nos que estamos aínda a tempo de anotarnos.
O primeiro deles desenvolverase en horario de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19.30 da tarde, e terá como eixo central a elaboración e deseño de coroas de flores e feltro. As prazas serán limitadas e o custo por participante será de 10 euros.
En horario de 10 a 13.30, e tamén o vindeiro día 13 no local social de Lembranza da Vila, impartirase un taller de deseño de bonequeiras de coiro, que terá un prezo de 8 euros por alumnos. Xa á tarde, entre as 16:00 e as 19.30, celebrarase un curso de confeción de grebas de coiro para as pernas, cun custo de 10 euros por participante.
A idade mínima para sumarse a estes obradoiros é de 14 anos, sendo necesario que os menores conten coa supervisión dun adulto, para anotarse é necesario telefonar ao 645 014 323 ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo citacoahistoriadaspon[email protected].