As Pontes, 4 de abril de 2019. Seis locais hostaleiros ponteses están a colaborar co Concello na formación de 10 mulleres desempregadas que participan no Programa Integrado de Emprego de Galicia, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello, a través dun curso, con prácticas non laborais en empresas de restauración, orientado a que as participantes adquiran coñecementos básicos sobre cociña, repostería, sala e recepción e atención ao cliente.

A responsable da área, Ana Pena, subliña que “a colaboración do tecido empresarial pontés é fundamental para que esta formación se poida levar a cabo, contribuíndo a mellorar a  cualificación do alumnado, impulsando a súa capacidade profesional e reorientando, ao mesmo tempo, as súas capacidades cara a sectores laborais cunha alta demanda de profesionais, tanto no municipio como na comarca“

As alumnas desta acción formativa realizarán as súas prácticas non laborais en A Capillla, La Cueva, La Bodega, El Encanto, A Taberna de Pancho e El Mesón de Pepe onde os profesionais que traballan nestes establecementos as capacitarán para preparar todo tipo de servizos de alimentos e bebidas en bares, cafeterías e restaurantes, recibir e atender á clientela, cumprindo coas normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria.

Esta acción formativa forma parte do Programa Integrado de Emprego de Galicia “Pontes de Emprego II” que ten como obxectivo prioritario, en palabras de Ana Pena, concelleira responsable da área, “promover e impulsar a inserción laboral de 100 mulleres, por medio dun amplo abano de accións informativas, formativas e de asesoramento e orientación laboral, axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias, para deste xeito acadar, como mínimo, a incorporación laboral  do 35% das participantes”

As participantes reciben, formación orientada á obtención do certificado de profesionalidade de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais así como formación transversal en novas tecnoloxías, curso de inmersión lingüística, fomento da capacidade emprendedora, curso de prevención de riscos laborais, curso de silvicultura e xardinaría, prospección empresarial intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais, procura activa de traballo a través de internet ou sobre a elaboración dun plan de negocio, entre outros contidos.

Pontes de Emprego II conta tamén cunha serie de medidas específicas para evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a cualificación das beneficiarias.

O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€ euros polo Concello de As Pontes