As Pontes, 13 de febreiro de 2019.  O proxecto de rehabilitación do casco urbano deseñado polo grupo de goberno de As Pontes para garantir a calidade de vida da veciñanza, apostando pola humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos, chegará ata a Vía Romana.

Para alcanzar este obxectivo, o Concello ten previsto acometer, con cargo ó POS 2019 da Deputación da Coruña a reforma do viario, promovendo a seguridade, a mobilidade e a comodidade para darlle prioridade os peóns, seguindo a mesma liña estrutural, funcional e estética deseñada para todo o casco urbano pontés.

A actuación, que conta cun orzamento de 180.974 euros, contempla a mellora do acondicionamento do viario coa substitución do pavimento das beirarrúas, a rehabilitación do firme da calzada e a definición de vaos para salvar as diferenzas de rasante entre o viario e as beirarrúas.

O proxecto tamén inclúe a execución de actuacións complementarias de renovación da rede de alumeado que será reemplazado por outro de maior eficiencia enerxética, a pé de rúa, con tecnoloxía LED que permitirá incrementar os niveis de iluminación actuais, e reducir o consumo e a contaminación lumínica.

Desde o Concello, o equipo de goberno sinala que estes traballos responde ó obxectivo de que todo o municipio dispoña dun alumeado público moderno, funcional e respectuoso co medio ambiente, con melloras da eficiencia, aumentado os niveis de iluminación e impulsando a seguridade nas rúas.

Así mesmo, a rede unitaria de saneamento mellorarase coa execución dunha rede separativa de augas pluviais e residuais, con novos colectores, pozos de rexistro e as acometidas correspondentes, que permitirán dispor dunha rede máis moderna e eficiente para prestar un servizo municipal de óptima calidade.

Procederase, ó mesmo tempo, á colocación de varandas de protección, de mobiliario urbano (bancos e papeleiras) e de sinalización horizontal e vertical, seguindo o código de circulación vixente.