– Corenta e catro alumnos/as atoparon emprego

-As Pontes supera o obxectivo de inserción comprometido

As Pontes, 28 de novembro de 2018. O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, cumpriu cun dos seus principais obxectivos, logrando a inserción laboral do 36% do seu alumnado en empresas privadas e cun compromiso laboral de máis de tres meses de duración.

Por outra banda, ó abeiro do Programa Integrado de Emprego foron corenta e catro os alumnos e alumnas que, tanto durante o transcurso do programa como ó remate do mesmo, lograron un contrato de traballo. Sete deles como funcionarios interinos ou persoal laboral no Concello de As Pontes mentres que os 37 restantes accederon a un posto de traballo en empresas da contorna, logrando o 85% do alumnado contratado, neste último caso, un contrato laboral de máis de tres meses de duración.

As insercións laborais realizáronse en ámbitos cunha ampla demanda de persoal por parte do tecido industrial e comercial do municipio, estando, maioritariamente, relacionadas co sector loxístico, a hostalaría e os servizos. Operarios de almacén, cociñeiros e camareiros, peóns de limpeza, dependentes están entre a relación de postos laborais acadados.

O goberno municipal amósase moi satisfeito cos resultados obtidos e a responsable da área, Ana Pena, sinala que: “Con esta cifra, As Pontes supera o obxectivo de inserción comprometido no Programa Integrado de Emprego. Resulta moi estimulante comprobar que os esforzos realizados, a través da área de emprego, permítennos lograr os obxectivos marcados polo Concello de As Pontes para mellorar a situación laboral da veciñanza que se atopa en procura de emprego. Os datos inxéctannos unha dose de optimismo e motivación para continuar coa mesma liña de traballo”.

Nese sentido, a edil lembrou que durante o mes de decembro porase en marcha a segunda edición do Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego II”. Nesta ocasión estará dirixido a mulleres con dificultades para incorporarse ó mercado laboral e, “a través desta iniciativa, 100 veciñas terán a oportunidade de mellorar a súa cualificación e adquirirán as competencias profesionais demandadas pola contorna mediante un servizo de asesoría e titorización personalizada, así como dun amplo abano de accións formativas axustadas ás necesidades de cada unha das beneficiarias”.

O Programa Integrado de Emprego de Galicia contará, asemade, con medidas específicas para evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a cualificación das beneficiarias.

Os 85 alumnos/as que participaron no Programa Integrado de Emprego do Concello de As Pontes, que finalizou a última semana de novembro, recibiron información, orientación laboral, formación e asesoramento sobre a creación do currículo e de cartas de presentación, sobre o modo de afrontar unha entrevista de traballo e nocións sobre a procura activa de traballo a través de internet e o autoemprego.

O alumnado pontés tamén recibiu formación e cualificación profesional específica en disciplinas como actividades auxiliares de almacén, cociña e repostería, community manager, técnicas de venda, manexo de carretilla elevadora e pá cargadora.

Paralelamente, o Programa Integrado de Emprego ofreceu formación transversal que incluíu cursos de habilidades sociais, formación sobre a elaboración do plan de empresa, curso de ofimática e formación en materia de prevención de riscos laborais. O programa formativo completouse con prácticas laborais en empresas de As Pontes e tarefas de prospección empresarial.

 

Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”

O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, estaba dirixido a mellorar a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación.

A través desta iniciativa o Concello de As Pontes ofreceu unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ó alumnado para que puidese desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, e acrecentar a súa empregabilidade para situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

O orzamento do Programa Integrado de Emprego foi de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros foron aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.