As Pontes, 5 de novembro de 2018. O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, entra, esta semana, na súa recta final co inicio do curso de Repostería.

Un curso, de 25 horas de duración e impartido por un mestre da escola de cociña ICook, que servirá como broche ó curso de Cociña, levado a cabo no mes de maio e que permitiu ós alumnos coñecer máis polo miúdo diferentes técnicas culinarias, tanto a través da formación teórica como da práctica en diferentes locais de hostalaría da vila.

O curso de repostería, que botou a andar hoxe, toma o relevo ó curso de Habilidades sociais, dirixido ós alumnos que recibiron formación en Técnicas de venda, no que aprenderon a mellorar, entre outros aspectos, a asertividade, a oratoria ou as formas co obxectivo de potenciar as relacións interpersoais (con xefes, compañeiros ou clientes) e ofrecerlles ferramentas para enfrontarse con éxito a unha entrevista de traballo dentro dun proceso de selección de persoal.

Tamén no mes de outubro finalizou a fase de prácticas non laborais do curso de Actividades auxiliares de almacén no que nove alumnos puideron aprender, en primeira persoa, máis sobre o sector da loxística en empresas da contorna tales como Einsa, Severiano Agrocomercial, ARPROSA, Severiano Servicio Móvil ou Delagro.

Ana Pena, concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, durante o acto de entrega de diplomas ós alumnos que participaron neste último curso fixo fincapé en que “o Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego” está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna”.

Por este motivo, en palabras da edil, “inclúense cursos sobre actividades de almacenamento, técnicas de venda, cociña, ou de manexo de carretilla e pala cargadora co propósito de axustarnos ás demandas do mercado e, deste xeito, chegar o noso obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 35% dos veciños que participan no Programa Integrado de Emprego”. 

 

Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”

O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, que rematará a finais do novembro, está dirixido a mellorar a empregabilidade dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación.

A través desta iniciativa o Concello de As Pontes trata de ofrecer unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ós beneficiarios para que poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións.

O PIE “Pontes de Emprego” inclúe un amplo abano de accións formativas, de orientación laboral e fomento do emprededurismo que se desenvolven a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización que permite reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.

Os 85 alumnos que participan neste Programa Integrado de Emprego do Concello de As Pontes reciben información, orientación laboral, formación e asesoramento sobre a creación do currículo e de cartas de presentación, sobre o modo de afrontar unha entrevista de traballo así como nocións sobre a procura activa de traballo a través de internet e o autoemprego.

O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego” ofrece ós alumnos formación transversal en prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías, ofimática, técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral así como prácticas non laborais e tarefas de prospección empresarial.

O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.