As Pontes, 13 de decembro de 2018. O Concello de As Pontes deseñou para este Nadal un amplo programa de actividades entre as que se inclúen máis dunha trintena de propostas culturais e deportivas.

A programación arrincou a primeira semana de decembro co concerto do grupo vogal gospeliano El Acorde Secreto e a inauguración da exposición XI Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez, que se poderá visitar na Casa Dopeso ata o vindeiro 18 de decembro.

Foi o venres, 7 de decembro, cando o Concello de As Pontes daba o pistoletazo de saída oficial ó nadal pontés co acto de aceso do alumeado de Nadal e a actuación, no Auditorio Municipal Cine Alovi, do mago Yunke co seu espectáculo “Conjuro”. Asemade, esa mesma fin de semana, os amantes do sétimo arte tiveron unha cita na Casa Dopeso para asistir á estrea do filme Animales Fantásticos: Los crímenes de Grindelwald.

As actividades desta semana comezarán, hoxe, na Biblioteca Municipal co obradoiro de comunicación deportiva, dirixido ós menores de 10 anos da vila mentres que o venres, na Casa Dopeso, instalarase unha mostra de postais de Nadal elaboradas polos escolares dos centros educativos de As Pontes que estará exposta ata o 7 de xaneiro.

Ese mesmo día, La Fiesta Escénica recalará en As Pontes para estrear o seu espectáculo Circo de Navidad no que conxuga a maxia de Disney coa espectacularidade do Circo do Sol, a través dunha impresionante escenografía, un vestiario moi coidao, luminotecnia de última xeración e múltiples técnicas circenses, para facer viaxar ós espectadores por unha historia que arrinca na Noiteboa e que chegará ata o Polo Norte.

A compañía representará, no Auditorio Municipal Cine Alovi, un total de seis sesións; o venres 14 de decembro ás 20:30 horas; o sábado 15 de decembro ás 16:30 e ás 19:00 horas e o domingo, 16 de decembro ás 12:00, ás 16:30 e ás 19:00 horas.

O sábado, 15 de decembro, no Polideportivo Municipal, a partir das 10:00 horas, disputarase o Trofeo Concello de As Pontes de Tiro con Arco en Sala e na Biblioteca Municipal Rivera Rouco, esa mesma maña, a partir das 10:30 horas, os máis pequenos poderán participar na decoración de Nadal da sala de lectura infantil.

Pola tarde, na Casa Dopeso, estrearase o filme Colette, con sesións ás 17:00, 19:30 e 22:00 horas e o domingo ás 17:00 e ás 19:30 horas. Asemade, o domingo, ás 12:30 horas, na Igrexa Parroquial de Santa María, veciñanza e visitantes poderán gozar do Concerto de Nadal no que participarán a Coral Alecrín de Brión, Cantareiras de Alende e a Coral Endesa As Pontes.

Xa a seguinte semana, o xoves, 20 de decembro, no Polideportivo Municipal, as nenas e nenos da Escola Deportiva Municipal de Ximnasia Rítmica e o CRX As Pontes celebrarán a súa Gala de Nadal e a fin de semana comezará coa apertura, o venres, 21 de decembro, da pista de xeo que estará instalada no patio do Colexio Santa María ata o día 7 de xaneiro, de luns a domingo, de 11:00 a 15:00 horas en horario matinal e de 16:00 a 21:00 horas polas tardes.

Ese mesmo día, na Piscina Municipal, de 16:00 a 18:00 horas desenvolverase un obradoiro de autodefensa contra a violencia machista a cargo do Club Kick Boxing Frank mentres que a Asociación Cultural Alende percorrera as rúas da vila cantando aguinaldos de Nadal que rematarán co concerto, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, do grupo Odaiko Percussion Group xunto coa banda do Conservatorio Profesional de Música de As Pontes.

O sábado, 22 de decembro, porase en marcha LudiNadal, unha proposta de ocio e lecer alternativo deseñada polo Concello de As Pontes para os nenos e nenas da vila. As actividades desenvolveranse no primeiro andar da Praza de Abastos, ata o día 7 de xaneiro, das 10.00 ás 13.30 horas e das 16.00 ás 20.30 horas.

Tamén o sábado, durante todo o día Domadores animarán as rúas de As Pontes e, a partir das 19:00 horas, a Escola de Música, a Banda Xuvenil e a Banda Cultural das Pontes serán as encargadas de poñerlle música ás festas co seu Concerto de Nadal no Auditorio Municipal Cine Alovi. Ese mesmo día, o cinema de estrea volverá a As Pontes coa exhibición do filme El Regreso De Mary Popppins con proxeccións o sábado, ás 17:00, 19:30 e 22:00 horas, e o domingo ás 17:00 e 19:30 horas.

Por outra banda, o domingo entrará en servizo o tren Nadal co que os veciños/as e visitantes poderán percorrer a vila e contemplar o alumeado de Nadal durante os días 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro. Os horarios de funcionamento serán, de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, os días 23, 29 e 30 de decembro. Os días de Noiteboa e Fin de Ano o tren funcionará de 12:00 a 14:00 horas.

Como antesala á Noiteboa, Santa Claus e un elfo estarán os días 23 e 24 de decembro, na Casa Consistorial, desde as 17:00 ás 20:00 horas para recoller as cartas dos rapaces e rapazas pontesas. Durante a tarde do 24 de decembro, un espectáculo de rúa encargarase de facerlle vivir á veciñanza a maxia e ilusión do Nadal.

A última semana do ano comezará cos campus de Nadal de Baloncesto e Rugby organizados polo CB As Pontes e o Clube de Rugby Fendetestas, respectivamente, coa colaboración do Concello de As Pontes, a través dos que se quere achegar a práctica deportiva á poboación máis nova da vila.

O xoves, 27 de decembro, as actividades regresarán á Biblioteca Municipal co teatro de monicreques “O castiñeiro do apalpador” e o Concello de As Pontes, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi renderalle homenaxe ás mulleres traballadoras da vila na cuarta edición de “As Pontes, as nosas mulleres”.

A fin de semana, as rúas da vila encheranse de vida coa animación dun boneco de neve e haberá unha nova estrea de cine, nesta ocasión serán a quenda para Ralph rompe Internet, filme que se proxectará o sábado ás 17:00, 19:30 e 22:00 horas e o domingo ás 17:00 e 19:30 horas. Por outra banda, os amantes da música española terán unha cita, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi co concerto Tributo a Sabina da man de La Penúltima.

O luns, 31 de decembro, a xa tradicional San Silvestre pontesa despedirá o ano e daralle a benvida ó 2019 que arrincará con maxia grazas a actuación, o 2 de xaneiro, ás 18:00 horas, no Cine Alovi, de Magia Majara cun show diferente, sorprendente e moi participativo, onde os espectadores vivirán situacións máxicas. Algo que tamén sucederá co espectáculo de arte Sueños de Arena co que Borjaytuquepintas tratará de abraiar ós espectadores, o venres, 4 de xaneiro, á mesa hora, no Cine Alovi, coas súas mans, area e un vidro.

As actividades rematarán o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis que efectuará a súa saída ás 18:00 desde a Rúa Monte Caxado. Días antes, o 3 e o 4 de xaneiro pola tarde, os nenos e nenas da vila poderán deixar as súas cartas os Reis no Concello.