• Membros do executivo local reuníronse en Madrid con representantes do Ministerio para trasladarlles, formalmente, as súas peticións para acadar solucións á situación da térmica pontesa

As Pontes, 9  de xullo de 2019.  O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse, esta mañá, en Madrid, co secretario de Estado de Enerxía e Minas, José Domínguez Abascal, para trasladarlle, de xeito formal, as peticións de As Pontes e os concellos da comarca para lograr unha transición enerxética xusta e ordenada; unhas solicitudes que xa fixera chegar nun anterior encontro, a semana pasada.

González Formoso, que acudiu á reunión acompañado pola deputada no Congreso, Montserrat García, o concelleiro de Urbanismo, Antonio Alonso, a Concelleira de Industria, Ana Pena, xunto co presidente da Asociación do Colectivo de Transportistas (A.C.T.C), Manuel Bouza e o presidente do comité de empresa Endesa, Luís Varela, solicitou que “se tomen medidas a curto prazo para atallar a situación de inoperatividade da térmica e se poña fin á especulación que está a afectar ao prezo das emisións de CO2”.

Formoso defendeu a necesidade de que centrais coma a de As Pontes, que están a cumprir con todos os requisitos para adaptarse á normativa europea sobre redución de emisións, sexan protexidas ante a intervención dos fondos estadounidenses no mercado europeo de dereitos de emisións de CO2; un mercado aberto que está a permitir a especulación dun país, que non asinou o protocolo de París e que provocou que, durante o último ano,  se triplicase o valor dos dereitos de emisión.

Por outra banda, Ana Pena, responsable de Industria, cualificou o encontro como moi positivo e amosou a súa satisfacción polo compromiso adquirido polo Ministerio de Transición Ecolóxica para a posta en marcha e creación dunha comisión de traballo, na que estarán integradas todas as partes afectadas pola situación de inoperatividade da central térmica pontesa.

Unha comisión, xa solicitada en outras ocasión pero sen que houbera oportunidade de que se puxera en marcha, que en palabras da edil “creemos que poder contribuír a acabar cunhas restrición moi inxustas coas empresas que buscan cumprir coa normativa europea, tal e como é o caso da central de As Pontes na que se está a investir 220 millóns de euros para adaptarse aos límites europeos de emisión industriais, e permitir, deste xeito, que poida continuar coa súa actividade produtiva”.

Esta situación non só afecta a central das Pontes, senón a todas as térmicas de España e, nese sentido, o executivo local fixo fincapé en que “ser partícipes desa mesa de traballo e que todas as partes implicadas poidan opinar e propoñer solucións a curto, medio e longo prazo é algo que valoramos moi positivamente, considerándoo esencial lograr unha transición enerxética gradual e xusta”.