O Ministerio de Cultura apoia a posta en marcha do Museo da Minería de As Pontes

266

Valentín González Formoso reuniuse en Madrid co ministro José Guirao para recabar o apoio do Ministerio de Cultura na creación dun espazo divulgativo único en España na que foi a maior explotación mineira a ceo aberto de todo o territorio nacional

As Pontes, 9 de xaneiro de 2018. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse onte en Madrid co ministro de Cultura, José Guirao, para buscar o respaldo do goberno central ao proxecto do Museo da Minería, que preservará a memoria da singular explotación mineira da localidade.

González Formoso, que acudiu á reunión acompañado pola concelleira de Cultura, Sonia Sueiro, e por membros de entidades vinculadas ao estudo e preservación do patrimonio local, Xose María Ferro Formoso e Soledad Souto López, cualificou o encontro como “moi positivo” e agradeceu ao ministro de Cultura o seu interese polo proxecto do Museo da Minería e que “acceda a coñecer a intención, tanto por parte do Concello como da Deputación da Coruña, de preservar e pór en valor a historia e patrimonio industrial das Pontes e a comarca”.

En declaracións posteriores a este encontro, que tivo lugar na sede do Ministerio de Cultura e Deporte, o rexedor pontés avanzou que esperan materializar este respaldo “coa sinatura, en breve, dun convenio de colaboración para o desenvolvemento deste proxecto xunto coa participación doutros ministerios, cos que esperamos chegar a algún tipo de acordo proximamente, dada a envergadura da iniciativa tamén no eido ambiental”.

Un espazo divulgativo único en España

O rexedor lembrou que o museo da minería de As Pontes é un proxecto que xa contaba co respaldo do anterior ministro de Cultura, César Antonio Molina, que agora se retoma para crear un espazo divulgativo único en España, que amose a historia dun lugar de especial importancia para o desenvolvemento económico e social de As Pontes, no que os visitantes poderán coñecer, de primeira man, o traballo que se realizaba na explotación mineira a ceo aberto máis grande do territorio nacional.

González Formoso explicou ao ministro a trascendencia que tivo, a nivel estatal a que foi a maior explotación mineira a ceo aberto de España, ademais do proceso de recuperación ambiental do oco mineiro, cunha extensión de 25 km2, que é sen dúbida un exemplo a nivel nacional, con premios que así o recoñecen.

A idea do goberno municipal pasa por iniciar un proxecto que aproveite os espazos en desuso na actualidade, sobre terreos xa cedidos por Endesa, para albergar unha exposición en espazo cuberto e outra itinerante no entorno do lago de As Pontes, poñendo en valor equipamentos mineiros que xa non existen en ningún punto de España, como unha excavadora de proporcións enormes.