As Pontes, 21 de marzo 2019. O próximo luns, 25 de marzo, empezan as obras de mellora de pavimentos e servizos na Rúa Narón, un proxecto acordado cos veciños que ten como obxectivo prioritario promover a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade na rúa.

As obras comezarán na marxe par da estrada e durante todo o tempo de execución das mesmas non será posible aparcar en toda a rúa e establecerase un sentido único de circulación, con entrada pola Avenida de Vilalba e saída cara a Rúa de Neda.

Asemade, a Rúa Mañón cambiará de sentido de circulación, efectuándose a entrada pola Rúa Neda e a saída pola Avenida de Vilalba.

As actuacións previstas contemplan a substitución do pavimento das beirarrúas, a rehabilitación do firme da calzada, a mellora das redes dos servizos de alumeado e de saneamento así como a colocación de mobiliario urbano e a plantación de arborado.

Ademais procederase a modificar a circulación do viario, que pasará a ser de sentido único, ampliando o ancho do paso nas beirarrúas e creando unha banda de aparcadoiro en batería deixando unha praza reservada para as persoas con mobilidade reducida.

O proxecto, que será acometido pola empresa Innova Profesional Desarrollos, suporá unha inversión de 133.824 euros, con cargo ao POS da Deputación da Coruña e está encamiñada a incrementar os niveis de funcionalidade e calidade da rúa.

Desde o Concello de As Pontes pídese desculpas á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estes traballos de mellora da rúa Narón e lembran que este proxecto se suma á folla de ruta deseñada polo goberno local para garantir a calidade de vida da veciñanza, apostando pola humanización dos espazos urbanos, dándolle prioridade aos peóns, seguindo a mesma liña estrutural, funcional e estética que no resto de municipio.