As Pontes, 2 setembro de 2019.   O grupo de traballo local en defensa dunha transición enerxética xusta acordou o venres, durante a súa segunda xuntanza, o calendario de accións que se porán en marcha durante as vindeiras semana para defender a economía do territorio vinculada á produción da enerxía eléctrica.

Accións encamiñadas a demandar ás distintas institucións e a Enel a posta en marcha de medidas que permitan retomar de forma inminente a actividad produtiva da central térmica das Pontes e que contribúan ó mantemento da economía e do emprego vinculado.

Así, representantes da Asociación de Empresarios SEARA, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo), da  Asociación do Colectivo de Transportistas  do Carbón das Pontes,  membros de UGT,  CC.OO e CIG en representación das empresas auxiliares, o presidente do comité de empresa, a concelleira de Industria e Emprego, en representación do Concello, e un representante de cada un dos grupos políticos con presenza na corporación municipal acordaron convocar unha asemblea, o día 9 de setembro, ás 20:00 horas na que se procederá a lectura dun manifesto en defensa dunha transición enerxética gradual e menos prexudicial para os sectores afectado. Esta asemblea rematará cun encerro nos concellos das Pontes, Ferrol e Vilalba, promovido pola Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes.

O día 10 de setembro está previsto que unha delegación dos 21 alcaldes das provincias da Coruña e Lugo que asinaron o manifesto, o pasado mes de xullo, para reclamar unha transición enerxética xusta e unhas políticas que permitan retomar a actividade produtiva de Enel acompañados por representantes das asociacións empresarias pontesas, da asociación de transportistas, do comité de empresa e sindicatos, se despracen ata Madrid para entregar este documento no Ministerio de Transición Ecolóxica.

Por outra banda, o grupo de traballo local, acordou realizar unha concentración, o día 13 de setembro, ás 12:00 horas, en Santiago, diante da sede da Xunta de Galicia, concentración que se trasladará o día 16, ata Coruña, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno.

O 19 de setembro, realizarase unha manifestación polas rúas das Pontes, accións que irá acompañada dun paro dunha hora do sector comercial, hostaleiro e empresarial da vila e unha xornada de 24 horas de folga nas auxiliares da central térmica, promovida por UGT, CC.OO e CIG.