Por primeira vez, un equipo de futbol sala da nosa vila participará na Copa do Rei. Unha competición a nivel estatal na que xogarán os equipos da Liga Nacional de Futbol Sala (LNFS)

O conxunto pontés clasificouse para a disputa desta competición tras acadar, a pasada tempada, o quinto posto na clasificación final da Segunda División B, a mellor posición nas seis tempadas que o club leva competindo na categoría.

No sorteo celebrado este luns, na sede da Real Federación Española de Futbol (RFEF) en Madrid, entraron 27 equipos de toda España quedando emparellado O Esteo F.S, na primeira eliminatoria, na que se ten en conta a proximidade xeográfica, co Cidade de Narón.

Un novo derbi comarcal á vista para ámbolos dous conxuntos que se volverán a ver as caras nunha eliminatoria a partido único no Pavillón Municipal de As Pontes o 15 ou 16 do vindeiro mes de Outubro.