As Pontes, 13 de xullo| O I Curso musical Vila de As Pontes continúa a sorprendernos día tras día da man da súa intensidade e das variadas actuacións que, nestes días, temos a oportunidade de desfrutar en diferentes escenarios do casco urbano.

Onte tocaba poñerlle música aos Xardíns do Campo da Feira, neste caso da man do cuarteto de saxofóns Skirion que, ante case medio cento de veciños, interpretou un fermoso concerto no que os saxos tenor, alto, soprano e o barítono foron os grandes protagonistas das diferentes pezas que interpretaron estes catro profesionais que, dende o 2012, están a percorrer todo o país da man da súa música.

Alejandro Cimadevila, Alberto Noguerol, Marcos Mariño e Jorge García, éste último tamén integrante do corpo docente do curso musical Vila de As Pontes,  recibiron o recoñecemento do público presente da man de numerosos aplausos.

Os concertos deste primeiro curso musical Vila de As Pontes retomaranse esta mesma tarde coa actuación dos mestres deste master musical na rúa Ramón Cabanillas (19.00 horas) e xa mañá, dende as sete da tarde, no auditorio municipal Alovi celebrarase a sesión de clausura coa actuación conxunta de todos os alumnos e alumnas que, ao longo destes catro días, tomaron parte nesta actividade formativa.