RTVEume| A política de recortes do Goberno Autonómico en materia de ensino faise visible en As Pontes e cumpríndose os peores pronósticos, hoxe a Xefatura Territorial de Educación comunicaba vía electrónica no Instituto Castro da Uz que os cinco alumnos matriculados en 1º de Bacharelato na modalidade de Humanidades deben trasladarse ao Instituto de Secundaria Moncho Valcarce, tal e como xa se anunciara o pasado xoves.

A Xunta desestima así as alegacións presentadas polo Consello Escolar Municipal que se reuniu de forma urxente na tarde do venres, nunha xuntanza na que tamén se contou coa participación da Inspectora de Educación. Non escoita tampouco aos alumnos e ás súas familias que non entenden que se suprima este curso de 1º de Bacharelato cando o seu mantemento non suporía custe adicional algún xa que as clases as impartirían profesores xa asignados ao Castro da Uz.

Onte continuaron os contactos entre as familias e o Goberno Local na procura dunha solución a esta problemática e hoxe ao mediodía, os 5 alumnos afectados acompañados polos seus pais, e co apoio da Tenente de Alcalde, Montserrat García, o concelleiro de Educación José Alén e mailo edil de Xuntos por As Pontes Alberto Pellón solicitaron que non se suprima esta oferta formativa. Ademais, as familias requeriron a presenza dun notario para que levantase acta conforme os alumnos acudiron ao centro na xornada de presentación. E é que hai que recordar que a día de hoxe os estudantes todavía non teñen comunicación oficial do traslado de centro.

Os que sí se incorporaron hoxe ás aulas do Instituto Castro da Uz foron os 71 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e os 17 de Bacharelato. Tamén tiveron hoxe a xornada de presentación os 55 alumnos e alumnas matriculados nos ciclos formativos e os 4 estudantes de 1º curso de FP Básica. En total, 147 mozos e mozas que elixiron o Castro da Uz para dar continuidade á súa formación académica.

Cifras notablemente superiores as rexistradas no Instituto de Educación Secundaria Moncho Valcarce. Son 283 estudantes os que hoxe se incoporaron ás súas aulas. 158 alumnas e alumnos cursarán o Ensino Secundario Obrigatorio neste ano académico que hoxe estrean, 113 estudantes realizarán o Bacharelato e finalmente 12 estudantes máis cursarán no Moncho Valcarce o segundo curso do Ciclo superior de Laboratorio de análise e de control de calidade.

E no Monte Caxado o número de matrícula en Secundaria ascende aos 76 estudantes, 23 en 1º de ESO, 14 en 2º, dous cursos de 10 e 12 alumnos en 3º de ESO e finalmente un grupo de 17 estudantes máis en 4º de ESO.

En todos os centros, hoxe foi xornada de presentación e mañá mércores as clases impartiranse con normalidade, dende as oito e media da mañá.