As Pontes, 27 de novembro de 2018. A tenente de alcalde, Montserrat García, reuniuse a semana pasada cos veciños da rúa Antonio Machado e da rúa Pardo Bazán co obxectivo de acordar os proxectos de rehabilitación de ambas rúas que se incluirán no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña do ano 2019.

Desde o Concello sinalan que: “Son dous proxectos moi ambiciosos que permitirán a reforma integral de dúas zonas de gran importancia no municipio a través dos que queremos devolverlles o seu protagonismo e convertelas nun exemplo de mobilidade, seguridade e accesibilidade urbana na nosa aposta por mellorar, de maneira continúa, a calidade de vida de todos os ponteses e pontesas”

O mércores, García mantiña un encontro cos veciños/as da rúa Antonio Machado e, tras presentar o proxecto de mellora da mobilidade e seguridade da zona deseñado polo goberno local, acordouse levar a cabo a rehabilitación da capa de rodaxe do viario co fresado de rúa e o aglomerado completo da mesma.

Ademais destas tarefas, o Concello tamén acometerá a reparación das beirarrúas así como doutras actuacións puntuais na vía tales como o selado das tapas da rede de sumidoiros, a mellora da rede de saneamento ou a substitución das baldosas desprendidas.

O xoves, cumprindo co compromiso adquirido durante o encontro mantido no mes de outubro, a tenente de alcalde volveu reunirse cos veciños/as da rúa Pardo Bazán para presentar un borrador do proxecto de rehabilitación da rúa que incluía as achegas feitas pola veciñanza durante a primeira rolda de contactos.

O borrador presentado polo goberno municipal, que afectará os tramos que van desde o cruzamento da rúa Pardo Bazán coa rúa Menéndez Pelayo ata o cruzamento coa rúa Calderón da Barca, para despois avanzar cara á rúa Antonio Machado, suporá unha importante mellora estrutural e estética do espazo, encamiñada a mellorar a accesibilidade da rúa así como a ampliar a dotación de servizos na zona.

Entre as actuacións contempladas no proxecto inclúese a substitución da actual capa de rodaxe por aglomerado, a ampliación das beirarrúas en ambos os lados da rúa, a creación de zonas de aparcadoiro en batería e a renovación completa da rede de saneamento.

O proxecto, acordado cos veciños presentes no encontro, tamén inclúe a substitución da zona ocupada actualmente por tuias por un espazo de lecer no que se instalará un parque infantil, un parque biosaludable así como bancos e marquesiñas.

Durante este encontro, Concello e veciñanza acordaron manter a dobre circulación en toda a rúa excepto no tramo compendio entre o cruzamento a rúa Pardo Bazán coa rúa Pablo Picasso e coa rúa Antonio Machado, tramo no que se establecerá un único sentido de circulación co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico. Neste mesmo tramo ampliaranse as beirarrúas e crearase unha zona de aparcadoiro nunha das marxes da vía.